Estaleiros e brea

Ciprián Rivas VELAÍ

BARBANZA

O estaleiro de Aguiño con máis de medio século de vida segue en plena actividade
O estaleiro de Aguiño con máis de medio século de vida segue en plena actividade C. R.

A crise da pesca de baixura desanima a construír novas embarcacións, e a Xunta xa non financia buques novos, senón proxectos para mellorar a seguridade, a eficiencia da frota

16 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

ta hai non moitos anos era rara a praia que non ulise a brea ou ao piche. A razón era sinxela: sempre había un pequeno estaleiro que daba traballo a toda unha familia. Porque o oficio de carpinteiro de ribeira herdábase, como se herda unha leira, unha casa ou unha destreza transmitida de xeración en xeración. Toda aquela paisaxe do litoral, habitada polas cadernas das dornas espidas ao aire e polos barcos listos para carenar, foi esvaecendo. Calaron os martelos golpeando cravos de ferro e a machada buscando a curva exacta nunha peza de madeira que acabaría sendo parte do esqueleto dun barco ou dunha dorna xeiteira, tramalleira ou polbeira.

Hoxe esa industria artesanal agoniza. A falta de relevo marcará o peche definitivo de moitos estaleiros cando chegue a xubilación dos actuais propietarios. A crise da pesca de baixura non anima aos armadores a construír embarcacións, e a Xunta xa non financia buques novos, senón proxectos para mellorar a seguridade, a eficiencia e a sostibilidade da frota existente mediante o Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura.

Así, os estaleiros sobreviven centrando a súa actividade na reparación e no mantemento. No Barbanza apenas subsisten sete —tres en Boiro, tres en Rianxo e un en Aguiño—, e na ría de Muros-Noia quedan só tres, cando outrora chegaron a ser corenta. Algúns superaron xa o século de vida; outros contan con medio, seis ou sete decenios de traballo.

Cando se ve movemento neles, renace inevitablemente a lembranza da brea e a do alcatrán inundando o aire e daquela festa que era botar unha nova embarcación ao mar, símbolo de que algunhas familias sairían a pescar para manterse.