Optou por atravesar a noite sen lúa nun barco sen mastro nin remo
15 feb 2026 . Actualizado a las 19:07 h.Nun soño de ouveos e chuvia, escoitaches unha voz, a fonda voz dos teus soños. Mirabas un barco ardendo mentres navegaba pola ría á altura de Portomouro. Fungaba o vento do sur. A nao avanzaba sen rumbo. O fulgor do fume brillaba na hora do crepúsculo. Era domingo pola mediatarde. Túa nai guioute pola man até a de Benigna, a da casa do cuberto diante da entrada, onde as mulleres se xuntaban para xogar á brisca.
Mandoute logo para o Espiño para visitar o avó. O Xampás estaba á beira da fogueira da lareira, sentado nunha banqueta. Dous veciños da mesma idade acompañábano. Sobre a tapa da lacena había unha xerra de barro con viño tinto da casa e tres cuncas. Tal como estaban, semellaban ser adoradores do Deus do Lume. Calado nun curruncho, escoitaches como falaban. Entendiches que parrafeaban sobre unha muller solteira da aldea, mais non a identificaches. Oíches dicir que cando nova era una moza de bo parecer. Fraca e delgada coma unha espiga que desprendía luz.
Alumeaba de noite entre os milleirais cando andaba a regar no medio da escuridade e das sombras. Recia e traballadora infatigable. Pero foi a única de tres irmáns que ficou solteira.
Foi entón cando o avó, logo de tomar un grolo, rosmou entre os poucos dentes que lle quedaban: «Non me estraña! Despois do que lle fixera aquela besta, que ben sabedes quen é, aló por enriba dos Curutos, preto do agro da Carmona. Non me estraña que despois nada quixera saber con home algún. Aquel cabrón!», recalcou o avó cun ton máis alto. «Din pola aldea, —indicou un dos veciños—, que ela chegou á casa cos ollos inchados, o pelo todo enmarañado, a roupa rachada e o sangue esvarándolle polas pernas». O outro home engadiu: «Ela coñeceu a ese malnacido. Morría de vergoña e estivo tres semanas sen se erguer da cama. Deprimiuse. A súa nai comentou que non paraba de chorar e de pregarlle a Deus que a levase para o outro mundo».
Pasado un anaco de tempo, sentiches chamadas de voces que viñan do fondal dos séculos, das rochas do tempo. Arde a luz antiga da primavera por vir. O río serpentea entre a tenrura dos prados desprezados, entre amieiros, salgueiros, freixos e loureiros. Con mirada oblicua saúdanche as casas das aldeas. Contemplas o resplandor do limo sobre os carreiros da arboreda.
No medio do soño que soñas, renxe o mastro da nave da noite. Na ribeira silenciosa de candullos de Xión dormen as gaivotas. Unha vella escaña na praia lamacenta. Mais ela cheira a toxo e a carrouchas do monte. Aínda que nese instante salgadas e cheas de areas, as súas mans saben aos tetos das vacas que moxe todas as madrugadas. Nos seus beizos leva as marcas do leite quente e cru. Non sabe sumar, pero cando vai vender as ameixas que apaña, emprega os dedos para contar. Poucas veces se engana. Non é fácil facerlle trampas.
Ela recendía a sol, a uvas e a resina das toxeiras. Era muller que se lavaba con auga de romeu e menta. Durmía entre os fiúnchos e sobre o mofo esponxoso que cubría as laxes. Naquela fatídica e escura xornada, ela optou por atravesar a noite sen lúa nun barco sen mastro nin remos sobre o mar agreste dos curutos. Ela. Espiga de luz que se afundiu no agro da Carmona vella, onde a abordou a gamela do pirata que a fendeu en dúas. Tirouna sobre a terra á que se entregaba completamente núa. Un covarde profanou o cálido templo que gardaba entre as súas pernas. Ningún outro home volveu montar enriba dela.
Logo de espertar, saes á luz do día, á rúa. É unha ledicia ver os nenos e nenas camiño do colexio. E sentes que che gustaría recoñecerte nos ollos da nena que, asustados, te miran.