Os nomes das aldeas, de todas as aldeas do noso territorio, atesouran mundos
04 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Toponimia: conxunto dos nomes de lugar dun país, rexión, parroquia, aldea…, di o dicionario da Real Academia Galega. Mirando sen ver para a canle do río e para os tres canos da fonte de Rebelar, pensas: escribimos para rescatar e para resgardar os topónimos, os nomes propios dos lugares esquecidos, dos lugares que xa ninguén frecuenta ou visita. Os nomes das aldeas, de todas as aldeas do noso territorio, atesouran mundos, mundos que á vez atesouran corpos, rostros curtidos polo tempo e o paso das estacións. Escribimos sobre topónimos, os nomes dos espazos que percorriamos na nosa afastada infancia. Algúns deses topónimos, como por exemplo Graso, pequeno núcleo de poboación ubicado no medio dunha inmensa extensión de prados encantados, pertencen á familia das palabras luminosas, palabras nas que alenta o fermento da imaxinación, e que nos poden impulsar a adentrarnos na paraxe da fantasía ou a pasar a fronteira do entresoño, alí onde podemos alimentar unha memoria fantasmática.
Ao compás do ritmo alegre da corrente da auga, rememoras o único avó que coñeciches sentado ao amor do lume no bordo da lareira. Lembras os seus ollos enfeitizados por imaxes descoñecidas: ollos de asombro diante das sombras que as chamas proxectan danzando sobre a feluxe da parede da cheminea, coma na caverna de Platón. As achas dos soños soñando cos altos pastos de por enriba dos montes de Moimenta, onde tantas veces, cando aínda era un chavalote, ía cos seus país no verán na procura de batume para gardar para o inverno. Pero tamén a leña soña coas ondas xentís do noso calmo mar, como bo fillo que tiña sido da néboa galaica que tantas veces vira como lambía as casas e os agros da aldea na súa mocidade.
Entornaba os ollos diante das lapas o vello e albiscaba as moitas travesías que tiña trazado na terra guiando coas mans o arado de pau. Pero ao mesmo tempo sabía que só o tripulante da vella motora que cubría a rota desde o Bodión, pasando por Rianxo e atravesando polo estreito entre a illa de Cortegada e o illote dos Ratos deica Vilagarcía de Arousa, podía recoñecer na trasfega cotiá o misterio do tremente candil pendurado no teito da cuberta do barco sobre as cabezas dos viaxeiros, no medio dos cales el tamén estaba. A primeira vez que sentiu ese asombro foi cando acompañou o home da súa filla pequena nas marexadas á Illa de Arousa e a Sálvora, cando baixo un vento mareiro atracou a nao no peirao con el completamente mareado sobre a cuberta de madeira de piñeiro.
O mar. A alta soidade do océano. Fuxitivas luces entre a choiva ao lonxe. Racús balanceándose na tremente auga salgada. Peixes escuros agochados nos cons da memoria. Evocas a emoción da pesca dos congrios. Guixar cunha vara que tiña na punta un enorme anzol dentro dos angostos tobos mariños. Rexeitan a carnaza. Néganse a picar no tempo do Nadal. Tamén celebran as festas navideñas, anque non o pareza. Na praia, ao compás das ondas que bican a area, quentabamos as mans. En cambio, no val, cando camiñamos arroupados polo ritmo dos regatos, observamos como unha densa e espesa gris lingua de brétema descende desde os montes do Iroite deica os Chans de Reis. Baixa lambendo lenta e suavemente a arboreda que trepa pola ladeira da montaña cara á Afigueira.
A buxina verde que debuxa o val do río Coroño fica muda na silenciosa mediatarde de decembro. O mes duodécimo vaise levando con el o vello calendario. Deteste e miras en derredor de ti. Onde só che consta que hai esqueletos de gamelas abandonadas entre os xuncos, no esteiro de Ponte Goiáns, ti albiscas xigantes avanzando amodiño entre a néboa. E de súpeto, unha antiga voz resoa no último atardecer deste terrible 2025, e pregúntache: «Virán no 2026 os Reis Magos visitar o pesebre do Neno na cidade de Belén?».
Era un dos ecos da voz que sempre nos falaba na nosa pobre pero alegre e inocente infancia.