A Asociación Alfonso Daniel Rodríguez Castelao continuará reivindicando ao rianxeiro no 2026
BARBANZA
A entidade participou en Santiago na clausura dos actos dedicados este ano ao intelectual galeguista
30 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Este domingo, unha representación da Asociación Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao encabezada polo seu presidente Xosé Bravo, xunto con Xusto Ordóñez, María Luisa Prada, Carme García e Ramón Dios, participou en Santiago no acto co que a Fundación Castelao clausuraba este 2025 que estivo dedicado ao intelectual con motivo do 75 aniversario do seu pasamento. Porén, a entidade rianxeira manifestou o seu compromiso coa figura do pai do galeguismo e avoga por seguir reivindicándoo tamén no 2026.
Aínda que este Ano Castelao está a piques de quedar atrás, no 2026 hai outras efemérides importantes que o converten nun ano «especialmente significativo para a memoria de Castelao». Inciden dende a asociación que leva o nome do rianxeiro máis ilustre en que estas datas «permiten comprender a súa dimensión humana, artística, política e histórica». Entre os aniversarios destacados figuran o centenario da publicación de Cousas, unha das obras máis emblemáticas da literatura galega moderna, e os 90 anos da expulsión ao exilio do político galeguista trala sublevación militar de xullo de 1936.
Ministro no exilio
Ademais, cúmprense 140 anos do nacemento de Castelao; os 110 das súas primeiras colaboracións en Nós, que marcaron a súa traxectoria como debuxante e humorista gráfico; ou os 80 anos do seu nomeamento como ministro no exilio do goberno republicano de José Giral. Entre outras efemérides que, en opinión da Asociación Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, «converten o 2026 nunha oportunidade única para reivindicar a figura de Castelao en toda a súa amplitude: creador, pensador, político, artista, humanista e símbolo da dignidade galega».
Por esta razón, a entidade fundada en Rianxo reafirma o seu compromiso de continuar divulgando a figura do seu veciño máis ilustre entre a cidadanía en xeral, e a mocidade en particular, e de seguir «traballando na preservación da memoria histórica e na difusión da obra dun home que dedicou a súa vida a construír país».
Fixo este anuncio no mesmo día que se poñía o punto e final ao Ano Castelao nun acto cargado de simbolismo que tivo lugar no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, onde repousan os restos do intelectual rianxeiro desde 1984.
Acompañando aos membros da asociación rianxeira atopábanse o voceiro do PSOE de Rianxo, Óscar Rial, e o artista David Cuence, autor dunha ilustración conmemorativa do Ano Castelao. Precisamente, unha lámina con ese deseño, xunto a outra doutro artista rianxeiro, foi recibida por Miguel Anxo Seixas en representación da Fundación Castelao. O acto contou tamén coa presenza da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín.