Viaxe pola traxectoria de 25 protagonistas das letras, a arte e a historia de Barbanza

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

<span lang= gl >A sección dedicada aos protagonistas son amplas reportaxes ou entrevistas</span>
A sección dedicada aos protagonistas son amplas reportaxes ou entrevistas MARCOS CREO

O oitavo recompilatorio de A Voz de Barbantia permite afondar no currículo e no pensamento de destacados veciños da comarca

17 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Barbanza é unha comarca rica en protagonistas, persoas que destacan pola súa traxectoria. No oitavo recompilatorio de A Voz de Barbantia, un volume que recolle do número 176 ao 200 do caderno que ve a luz de forma mensual da man da asociación cultural e de La Voz de Galicia, é posible achegarse a 25. En forma de entrevistas e reportaxes, esta sección que abre cada caderniño ten como particularidade que son tamén veciños de sobra coñecidos no eido cultural os que asinan as interesantes colaboracións, que se completan con ilustracións de Abraldes.

O recompilatorio que xa está dispoñible nos puntos de venda habituais arranca coa historia dun coñecido arquitecto que ten como afección a fotografía de natureza. Trátase de Amancio Losada Vicente, que atendeu ás preguntas que lle formulou o escritor Xosé Ricardo Losada. Esta mesma pluma achega á publicación a traxectoria de Carlos Cimadevila, activista da Memoria Histórica.

Encarna Pego convértese en xornalista para conversar co futbolista e mestre Manuel Ventura Mariño Paz, coa agricultora e youtuber Nuska Casanande, co coreógrafo Vicente Colomer Busoms, coa pintora holandesa afincada en Rianxo Catharina Kuijper e co tamén pintor Jorge Darío Santarelli.

A escritora de Mazaricos Maricarme Rey Núñez tamén colaborou nesta sección para que os lectores poidan afondar agora na traxectoria de Yasmina Farhani Luaces, licenciada en Belas Artes, e do poeta Ismael Ramos.

A actriz e directora de teatro Tero Rodríguez xoga dous papeis neste recompilatorio, pois responde ás preguntas do seu veciño de Rianxo José Luis do Pico Orjais, ao tempo que se converte en entrevistadora de Dolores Sende, memoria vida da represión na vila de Castelao.

Olegario Sampedro contribúe a desvelar os segredos que agochan Ovidio Queiruga, xestor da comunidade de montes de Baroña; Manuel Iglesias Vázquez, laureado fotógrafo da familia Lesmes; Rogelio Santos Queiruga, mariñeiro e divulgador; e Michael Hodges, docente e escritor.

Por partida dobre súmanse tamén Amantia Coello, directora da compañía teatral Airiños, e a escritora e asesora fiscal Marina Losada, que se entrevistan mutuamente. Pola súa banda, o técnico cultural ribeirense Unai González responde ás cuestións que lle expón Xoán Pastor Rodríguez; mentres que o filósofo e escritor José Carou Rey se deixa interrogar por Antón Riveiro Coello.

Pechan a relación de protagonistas deste recompilatorio Xesús Redondo, republicano de honra de Barbanza, entrevistado por Fran Gómez; Loaira Pérez, ceramista, que responde ás cuestións de Miguel Cascallar; e Isabel Soler, artista, á que interroga Manuel Cartea. Ademais, a dupla formada por José Antonio Pérez, profesor e fundador de Historga, e Xoán Fernández Callón, historiador e bibliotecario, altérnanse como entrevistador e entrevistado.