No outono de 1981-1982 vin por primeira vez conscientemente a obra dos informalistas cataláns, reproducida naquel inolvidable libro de Historia da Arte de Anaya, para o COU. Prendido no Rosa sobre materia, de Tapies, nos sacos de Manolo Millares, na tachadura impetuosa de Saura, e nas limpas atmosferas de Fernando Zobel, fun pescudar nos vieiros dos outros, entre os que decontado fascinei coa proposta de liberdade da obra de Josep Guinovart.
Eran unha xeración rompedora e merecedora —xa concluía eu— de aparecer nos libros escolares ao mesmo tempo que estaba no seu pleno exercicio, porque non só ofrecía as súas creacións, senón que ensinaba e construía sobre a marcha toda unha teoría da actitude creativa. Aprendíanos tamén unha outra forma de estar diante da obra e do seu proceso de creación.
Son innumerables as ensinanzas que, poida que con menos intencionalidade da que pretendesen, nos deixaron. Nomeadamente Guinovart, en quen descubrín as abertas posibilidades do gravado iluminado, os magnetizantes xogos coa materia, os efectos de abrir o foco figurativo á amplitude xestual, ou o máis importante: que a obra non é só o produto do feito creativo, senón tamén a parte do artista que queda nela, a súa pegada. De feito, Guinovart incidía sempre no peso do factor autorial, priorizábao no exercicio deconstruínte e recompoñedor que alguén cualificou como revolución da realidade.
Elemento reutilizado
Nesta «barca» da que xa teño vistas outras variacións do propio Josep, e que matino que é un elemento reutilizado para unha reprodución serial, temos algúns dos fundamentos do seu estilo: a propiciación abstracta por obxecto real, coa mediación do debuxo, o subxacente da figuración que marcou os seus comezos, a persistencia da forma, que amosa mesmo nas poéticas declaracións dalgúns títulos seus (Asasinado polo ceo entre as formas que van, datada en 1987), a constante insinuación da paisaxe mediterránea, a presenza caligráfica, o experimento cos efectos da tintada, a xestualidade.
Hai un vídeo en youtube, no que sae Guinovart no seu taller, iniciando o proceso de preparación dunha prancha de gravado. Está aplicando trazos espiriformes e caligráficos de cera ás partes en reserva. Detense, entre un e outro, a observar a evolución do conxunto. Por momentos, vese que a súa man quere adiantarse á idea. Mais dubida. Vacila. E, finalmente, actúa. Visionei moito esas imaxes, abraiado entre a súa capacidade didáctica e o feixe de posibilidades que quedaron neses transos de meditación.
Unha vez máis, debémoslle ao magnífico programa do Museo do Gravado de Artes o pracer de contarmos con Josep Guinovart entre os eventos culturais da nosa bisbarra, e a oportunidade de o poder eu destacar acó, onde nin tería imaxinado cando consultaba aquel meu vello manual de Anaya.
Mes Neira Vilas
Xosé M. Lobato Martínez
Novembro é mes de tránsito, de camiño, de cor e dor, tamén é unha trintena relevante para a literatura de noso. Todo comezou un 3 de San Martiño de 1928 no lugar de Gres, nese lugar idílico que é tenza de vizosos labradios... recanto fluvial agarimado por dous ríos. O acontecemento tivo como enclave íntimo a casa do Romano, onde a crianza xa amosou, na súa chegada, o seu espírito inquedo, así como vigorosa enerxía, e tamén decisión para atraer a atención dos demais.
Casa do Romano, na actualidade é a sede da Fundación Neira Vilas. Foi tamén nesta morada, o 27 de novembro de 2015 cando o mestre universal do galego, inspiraba por derradeira vez. Era un ata logo ou, sempre entre vós, precisamente no día en que os nubeiros de Gres entregaban as súas bágoas no Ulla, e do Sagro emerxían charamuscas de fogo dourado. Oito décadas en que o vate de Gres deixou unha obra única, un inmenso legado, tanto a nivel cualitativo como cuantitativo, cultivou varios xéneros, sempre coa ollada nos máis novos, na rapazada.
Neste ano celebramos o décimo aniversario do seu pasamento. Moitas son as actividades que se realizan coincidindo con esta efeméride, actos de todo tipo e diferentes formas. Porén, o importante é que estamos ante unha obra inmorredoira que conseguiu que a nosa lingua sexa coñecida fóra das nosas fronteiras.
Tamén a Historia da Galicia recente está nas páxinas dos libros de Neira; como exemplo, Castelao en Cuba, reeditado neste 2025. Memorias dun neno labrego é un auténtico galano para a literatura en galego, un agasallo único, traducido a decenas de idiomas, nun percorrido de 13 lustros, con varias edicións. Un libro coñecido, lido e co que se identifican unha gran maioría de galegas e galegos; en definitiva, unha obra que dignifica a nosa lingua.
Pepe foi ese labrador de palabras que, dende a súa infancia, gradou e canizou. Tamén observou con espírito crítico a súa contorna, e mergullouse na fala e nos coñecementos das persoas coas que convivía: así foi como, dende esa capacidade de observación, logrou facer literatura.
O coche do recreo
Milagros Torrado Cespón
Batería a punto de esgotarse. «Mamá, podo ter un móbil?». Nativos dixitais, imos engadirvos a intelixencia artificial. Competentes dixitais? Iso xa é pedir moito. Posverdade. Velocidade. Falsidade. As repostas deben ser rápidas e precísanse no mesmo momento no que as preguntas saen do teclado. Ou chegan tarde. Pero sempre chegamos tarde. Facemos mil cousas a un tempo. Sen afondar nin analizar. Miles de preguntas agrandando esa nube chea de respostas baleiras de humanidade. Somos a sociedade da memoria comesta pola demasía informativa que non podemos procesar. Imos parar un intre.
Ves isto? Isto era o coche máis espectacular que creou o cerebro humano. Que marabilloso era, despois de agardar a túa quenda no recreo, poder subir nel e viaxar aos destinos máis afastados ou, simplemente, ir ata o Aldi a Boiro, porque, na época da escola unitaria, ir ao supermercado era unha aventura reservada á fin de semana. A mestra quedaba por alí vixiando que non nos mancásemos. Alta, altísima dende a perspectiva dos meus cinco anos, coa súa omnipresente bata de cadros.
Non temos que renunciar a todo e tentar que a vida volva á pausa incerta da nenez pre-tecnolóxica, pero, ás veces, cómpre volver xogar coas pedras antes de que as soterre o lixo.