Presentou ao certame italiano tres obras publicadas e unha inédita
16 sep 2025 . Actualizado a las 09:04 h.A escritora de Cabo de Cruz Ana Lojo Chan mantén o seu idilio cos premios Pegasus —considerados os Oscar da literatura italiana—, xa que acaba de acadar o cuarto galardón deste certame literario que nesta ocasión convocouse desde a rexión de Montefiore. A boirense foi distinguida pola calidade da súa produción literaria, xa que presentou tres das súas obras que xa están publicadas, Marea morta, 5 e Estela de cartas alfa, e un poemario inédito, 25.
Lojo Chan amosouse encantada de poder lograr este galardón e sobre todo porque significa un novo recoñecemento a nivel internacional do seu traballo, e ao mesmo tempo serve para seguir dando a coñecer a lingua galega en todo o mundo. A crucense, que recollerá o galardón o próximo 18 de outubro, sinalou que estes premios son dos poucos que permiten presentar libros que xa viron á luz e que foi a súa editorial (Europa Ediciones) quen a animou a concorrer a estes certames literarios.
A escritora e docente está traballando nestes momentos nun novo proxecto co que está moi ilusionada, posto que se trata dun conto para nenos de infantil no que conta coa colaboración dunha amiga ilustradora. «Estamos ultimando os detalles cunha editorial que ten unha colección exquisita e de moi boa calidade e penso que saír moi ben», recoñeceu a boirense.
Aínda que ten un pouco aparcada a súa creación de poemas, porque editorialmente «non compensan porque é moi difícil recuperar a inversión»; a súa cabeza no deixa de traballar e xa ten rematada una noveliña en galego que presentou a un concurso, e xa ten en marcha a segunda parte da Estela de cartas beta.