A cultura, segundo a antropoloxía clásica, defínese como a construción colectiva da identidade dun pobo, que inclúe o coñecemento, as crenzas, a arte, os costumes, o folclore e outros constructos sociais. Porén, o capitalismo actual mudou a cultura en espectáculo, xerando «produtos» culturais e converténdoos en bens de consumo que, xestionados pola industria do entertainment xeran inxentes beneficios económicos a través, por exemplo, das plataformas audiovisuais ou dos macrofestivais de música por poñer só dous exemplos da cultura de masas hoxe en día.
Segundo a antropoloxía actual a espectacularización e mercantilización da cultura tamén se podería entender como «redescripción colectiva das condicións de existencia» . Se para definir as novas condicións da existencia seguimos a teoría da «sociedade líquida» de Bauman podemos falar de fragmentación da identidade, da economía do consumo excesivo e superficial, do usar e tirar, dos residuos xerados, da crise ambiental, das diferenzas sociais, da tecnoloxía, das redes e a súa relación ca saúde mental, etcétera, etcétera; en definitiva, poderiamos concluír nada academicamente que nos está quedando unha sociedade la mar de bonita.
Repasando o valioso libro de Alberto Piñeiro Berz sobre a Romaría de San Ramón de Bealo podemos atopar o que son (ou eran) as características dunha festa tradicional de este tipo: as crenzas relixiosas, o templo no que se honraba a imaxe con todo o seu valor patrimonial e arquitectónico ou o lugar onde se celebraba a festa e a paisaxe que o rodeaba, que por suposto tamén é cultural.
San Ramón inicialmente celebrábase nunha carballeira, hoxe contaminada por eucaliptos e acacias, metáfora de como mudou a paisaxe galega cas chameantes consecuencias que isto carrexa cada ano.
En San Ramón atopamos tamén a paisaxe de pedra propia de Bealo. Outeiros como Pedra Furada, Casa das Bestas, Pedra da Lúa e moitos outros que lembran usos, lendas, ou vínculos comunitarios das xentes que habitaron ese lugar durante séculos. Hoxe en día, froito tamén dos intereses espoliadores do capitalismo, moitos deses penedos foron soterrados na Galea e na Armada. Vaian e compróbeno por favor.
Outra paisaxe cultural que rodea a San Ramón son os petróglifos, «como sinaturas que o pasado nos deixa para que, mediante o seu estudo, ousemos pescudar o que fomos«. O «campo dos outeyriños» como se coñecía na idade media o entorno da capela de San Ramón, está inzado de estes restos arqueolóxicos que foron estudados, entre outros, por López Cuevillas, Fermín Bouza-Brey ou J. A. Fernández.
Todos estes elementos culturais aparecen tamén no limiar do libro sobre San Ramón, cando Moncho Ares fala das lembranzas dun neno acudindo á romaría co seu grupo familiar e de amizades que cada ano se reforzaba naquel lugar de crenzas ou descrementos, de bulicio e música, de múltiples olores e sabores, de carreiras e baños no río dos muíños, de celebración comunitaria tal e como se entendía entón.
Moitas romarías de hoxe en día xa non poñen o foco nos elementos culturais citados no libro. As letras máis grandes dos cartaces están agora ocupadas por orquestras, djs, polvos holli ou famosas de outro tempo, como Leticia Sabater, que este ano estará nas cabezas de Fruime.
A espectacularización da cultura, e das romarías tamén, podemos debatela todas as veces que queiran, mais xa lles adianto que a miña teima principal neste debate é qué debe priorizarse cando hai cartos públicos polo medio.
Pasen vostedes un bo San Ramón e desfruten da festa máis senlleira de Boiro. Teñan tamén unha hora curta se van pedir por un bo parto, e lembren aínda que sexa só por un momento, de onde vimos e a onde parece que estamos indo.