Barahúnda: «Cando tocamos en Madrid, a xente pídemos que cantemos en galego»

Ana Lorenzo Fernández
Ana Lorenzo RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Helena de Afonso e José Lara levan 14 anos vivindo en Rianxo
Helena de Afonso e José Lara levan 14 anos vivindo en Rianxo Elena Fernández

O dúo formado por Helena de Alfonso e José Lara Gruñeiro recollerá este sábado en Muros o Premio Barbantia á Iniciativa Cultural

12 dic 2024 . Actualizado a las 20:28 h.

Hai momentos na vida que quedan marcados para sempre e para Helena de Alfonso e José Lara Gruñeiro hai dúas datas que nunca esquecerán. A primeira foi no ano 1998 en Madrid, cando despois de participar en distintos proxectos musicais por separado apostaron por unir os seus camiños para fundar o dúo Barahúnda. A segunda chegou hai 14 anos, cando decidiron cambiar de vida, deixar a capital e instalarse en Rianxo: «Namorámonos do Barbanza, ao final rematamos vivindo nesta vila porque neste sitio eramos felices, pero adoramos todo o Barbanza», insiste a vocalista. Este sábado recollerán en Muros o Premio Barbantia á Iniciativa Cultural 2024, un galardón que para eles é «un recoñecemento ao noso traballo e, ademais, concédeno os compañeiros do mundo da cultura, que é súper importante», puntualiza José Lara, que confesa que nunca se presentaron a ningún concurso, e por iso failles tanta ilusión gañar este sereo.

O proxecto de Barahúnda naceu en Madrid, pero sempre estivo moi pegado a Galicia, posto que nos seus traballos recuperan as cantigas medievais, pero tamén poden atoparse nos seus discos cancións sefardís ou jarchas mozárabes. Precisamente por esta mestura de linguas, os seus integrantes tiveron moi claro cando se mudaron a Rianxo, «que había que falar a lingua de aquí. Eu sempre dicía que si marchara para a India, aprendería hindi, non inglés; e o mesmo se veño a Galicia, parecíanos o camiño normal», recoñece José Lara. Tanto el como Helena consideran que só expresándose no idioma da terra pode entenderse mellor o espírito galego. Por iso, non o dubidaron nin un segundo e comezaron a ler, escoitar e falar con veciños na lingua de Castelao.

 Embaixadores

De feito, desde hai moito tempo son uns dos mellores embaixadores do galego alá por onde van, independentemente do escenario no que actúen. «Cando tocamos en Madrid, a xente pídenos que cantemos en galego. Acabamos de pechar a xira na sala Galileo cun concerto que facemos todos os anos e rematamos co tema O vento do sur, que xa é coma un himno», recoñece Helena de Alfonso. Na capital presentaron o seu último traballo, Fremosas, do que xa están preparando unha terceira edición «revisada e aumentada», que sairá para o próximo ano, e mentres seguen promocionando a segunda, «da que nos quedan xa moi poucos exemplares», advirten.

 

 Neste libro-disco, Barahúnda reúne cantigas de amor e de amigo acompañadas cunha explicación e un código QR para poder escoitalas online, ademais de coñecer un pouco máis da historia dos trobadores e dos protagonistas de cada tema. Helena e José explican que levan moi ben iso de unir música e escritura, «porque unha cousa tira da outra, é como algo natural. Para nós é así desde sempre, sentímonos como peixes na auga».

 Tamén explican que non é moi complicado traballar os dous xuntos nas composicións, que normalmente se reparten o traballo, e logo póñeno en común, aínda que Helena recoñece que a súa discapacidade visual sempre foi un gran obstáculo na súa carreira profesional. A pesar de todo, despois de tantos anos da man de José Lara, xa teñen unhas rutinas que lle permiten acoplarse e entenderse perfectamente.

De feito, ademais de preparar a reedición de Fremosas, agora mesmo están colaborando en varias iniciativas interesantes, como un proxecto multidisciplinar co escritor ferrolán Antonio Tizón, «que é un traballo de poesía marabilloso, de recuperación da tradición oral»; ademais doutras propostas nas que están implicados outros artistas, tanto músicos como escritores.