A paisaxe a través dos ollos de Barbantia

Ana Lorenzo Fernández
A. Lorenzo RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

O sétimo recompilatorio de «A Voz de Barbantia» inclúe artigos sobre a importancia da natureza ou da antiga muralla de Noia
O sétimo recompilatorio de «A Voz de Barbantia» inclúe artigos sobre a importancia da natureza ou da antiga muralla de Noia

A comarca ten o seu mellor reflexo nas páxinas do recompilatorio

12 dic 2024 . Actualizado a las 19:44 h.

Todos os meses, A Voz do Barbantia garda un recuncho das súas páxinas para ofrecer aos lectores algunhas curiosidades ou segredos que esconden as paisaxes da comarca, tanto urbanas como naturais. Moitas delas poderán consultarse desde este domingo no recompilatorio que sairá aos quioscos —por un prezo de 2 euros— e que reúne 25 números deste suplemento que se corresponden cos publicados entre finais de xaneiro do 2020 e maio do 2022.

 Xulio Gutiérrez Roger aproveita unha das súas colaboracións para falar da importancia das algas nos ecosistemas marítimos e terrestres do Barbanza, mentres que Pedro García Vidal lembra a historia da muralla que protexía Noia e da que só quedan uns escasos restos. Precisamente desta mesma vila escribe Jose Lires, que fai unha descrición da paisaxe da que desfruta desde a súa xanela, e Agustín Agra dedica uns dos seus artigos para enumerar algunhas das plantas e especies animais máis frecuentes nos meses de outono.

A pandemia do coronavirus fixo que moitos dos números que aparecen neste recompilatorio xiren en torno a este período que mudou para moitos a forma de ver o mundo. Diso escribe en A Voz de Barbantia Pedro García Vidal, que recoñece que ese tempo de confinamento puido servir para repensar as vilas e poñer en valor certos espazos, opinión que tamén comparte Jose Lires, pero no seu caso invitando a percorrer escenarios naturais.

 O xílgaro de Durrell

Plantas como a azolla, que chegou de Sudamérica, a aparición de torbernita, un mineral que se atopa con frecuencia nas fendas das rochas graníticas, ou a curiosa historia do xílgaro de Durrell, un paxaro cun anel metálico que arribou á comarca procedente da illa de Jersey, son outros dos protagonistas da sección Palabras na paisaxe de A Voz de Barbantia e que forman parte deste sétimo recompilatorio, cuxa presentación oficial terá lugar este sábado, coincidindo coa entrega dos Premios Barbantia da Cultura.

 O acto terá lugar, as 12.30 horas, na casa da cultura de Muros, e ao día seguinte, os lectores terán este traballo xa dispoñible nos puntos de venda.