Che Tembra: «Hoxe en día non hai quen queira ser ferreiro; é unha mágoa» 

María López García
María López RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Che Tembra, no seu taller en Fonte Susán (Taragoña, Rianxo).
Che Tembra, no seu taller en Fonte Susán (Taragoña, Rianxo). Elena Fernández

O artista rianxeiro recollerá o Premio á Traxectoria Cultural de Barbantia

11 dic 2024 . Actualizado a las 20:42 h.

Sendo adolescente xa tiña claro que non quería seguir estudando por moito que José Fuentes Mayo, «un gran mestre» da Serra de Outes, lle dera clases polas noites para que acadase o graduado. José Tembra Redondo (Taragoña, 1955), máis coñecido como Che Tembra, fixo caso do seu profesor e logrou o certificado de estudos primarios, pero aí plantou a escola. Recoñece que quería «andar á súa bola»: «Non quería estar sentado nun pupitre». Nese momento nin se imaxinaba que décadas despois converteríase nun artista de éxito facendo o que máis lle gusta: golpear o ferro.

Así e todo, xa apuntaba maneiras de mozo. Comezou a traballar con 13 anos no taller de Chon, onde arranxaba motores de barcos, e máis tarde tamén comezaron nesa mesma empresa a facer balcóns e portais de ferro. Foi aí onde iniciou o seu camiño autodidacta ata o día de hoxe, recoñecido pola asociación Barbantia co Premio á Traxectoria Cultural no Barbanza, un galardón que recollerá o sábado na posta de longo que terá lugar na casa da cultura de Muros.

Con 19 anos empezou pola súa conta a facer portais nun cubertiño da casa dos seus pais. «Xa empecei coas miñas artimañas. Non quería facer un portal igual a outro e facía as miñas incorporacións, como por exemplo algún barquiño», conta Tembra.

A súa primeira obra de arte foi un Castelao para o seu xenro. Estaba feito de ferro, pero á súa filla non lle gustaba porque queríao pousado nunha peza de madeira. «Eu regaleillo a Xoán Pastor Rodríguez, de Barbantia, e fixen outra silueta de Castelao sobre madeira de castiñeiro para a miña filla», recorda o galardoado.

Nun primeiro momento empregaba ferro novo, pero non lle gustaba o resultado. «Eu queimábao para darlle outros tons». Tamén pintaba as esculturas, pero «Paola García, filla de Borobó, dicíame que non lle metera cor e así o fixen. Eu empecei sen saber nada de nada», admite Che Tembra.

Quentadores e bicicletas

Ferro, aceiro inoxidable, bronce e madeira autóctona (carballo, castiñeiro, salgueiro ou algunha cerdeira) son os materiais principais que predominan no taller que o artista rianxeiro ten en Fonte Susán, onde pasa boa parte do día: «Debería dedicarlle máis; é o deleite que teño, pero tamén teño a horta coa miña muller».

Os metais que utiliza proceden en moitas ocasións do contedor do lixo: «O que a ti non che serve para nada, eu búscolle amaño. Se non é hoxe, é outro día. Por exemplo, collo quentadores, lavadoras, bicicletas. Sempre lle saco algo».

"Non o merezo"

No que se refire ao premio que acaba de concederlle a Asociación Cultural Barbantia, Che Tembra amósase modesto: «Non o merezo, pero teño que recoñecer que para min supón unha ledicia moi grande». A noticia traspasou fronteiras, pois recibiu parabéns dende o outro lado do Atlántico, nomeadamente da prima da súa muller, cubana residente no Miami. «Tamén me están a chamar de Ferrol, Madrid e do País Vasco», agradece o homenaxeado.

Recorda a primeira exposición na que participou. Foi polas Letras Galegas na súa Taragoña natal. Despois fixo unha mostra máis pequena en Boiro e do Barbanza dou o salto a Madrid. «Sempre colaborei moito con Barbantia e penso que grazas a este colectivo está arranxado hoxe en día o Pazo de Goiáns», resalta o artista.

Che Tembra cumprirá 70 anos o próximo 14 de febreiro e seguirá a golpear o ferro ata que teña forzas. «Hoxe en día non hai ferreiros e ninguén quere aprender, é unha mágoa. Non hai relevo xeracional por moito que un se esmere. Só coñezo a un rapaz de Santiago que vén golpear comigo no Feirón Mariñeiro de Rianxo», conclúe o escultor.