Radón na oficina

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

SANDRA ALONSO

As oficinas non son só espazos de produtividade, senón tamén lugares onde pasamos gran parte da nosa vida

10 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O real decreto 1029/2022 pon sobre a mesa un problema que durante anos foi ignorado e aínda hoxe descoñecido. O radón, gas radioactivo que pode estar presente nas oficinas e lugares de traballo. Un gas incoloro e inodoro, que só detectan aparellos especializados, representa un risco grave para a saúde, xa que a exposición prolongada a concentracións elevadas pode causar cancro de pulmón, unha das principais causas de morte en moitos países. Ante esta ameaza, a normativa obriga aos empresarios a medir os niveis de radón nos lugares de traballo e tomar medidas correctivas.

É unha obriga que non debe ser vista como unha carga burocrática, senón como un compromiso coa saúde laboral. As oficinas non son só espazos de produtividade, senón tamén lugares onde pasamos gran parte da nosa vida. Ignorar o radón é poñer en perigo o benestar de traballadores que confían na seguridade do seu entorno laboral. A lei non só establece a obriga de medición, senón tamén accións específicas cando se superan os límites permitido —non deben sobrepasar os 150 bequerelios por metro cúbico—, pero que a partir dos 300 xa non se debe permitir traballar nese lugar.

Desde melloras na ventilación ata a impermeabilización dos pisos, as solucións existen, e non actuar sería irresponsable. Este decreto vén lembrarnos que a prevención é unha responsabilidade colectiva e o benestar dos traballadores debe ser sempre unha prioridade, pero o patrón ten obrigas na materia. A saúde non ten prezo. Actuar contra o radón é garantir un futuro laboral máis seguro e, sobre todo, máis humano.