Michael Hodges: «Levo anos traballando nunha historia do cine fantástico en Galicia»

Olegario Sampedro

BARBANZA

ABRALDES

Entrevistou a coñecidos artistas, pero negouse con Harrison Ford

30 nov 2024 . Actualizado a las 13:22 h.

Cando o Dr. Watson lle comenta a Sherlock Holmes canta serenidade lle transmite a visión da campiña inglesa, o investigador respóndelle que non resulta nada oportuno fiarse das aparencias, en tanto que son os lugares máis insospeitados os que, con maior frecuencia, agochan os máis singulares crimes e criminais. O mesmo sucede coa praia de Espiñeirido. Parece impensable que nesa remota e tranquila paisaxe, poidamos atopar, paseando acotío co seu can, un dos maiores especialistas mundiais en cinema fantástico.

—Cando xurdiu o teu interese polo cinema de misterio e terror?

—Sobre os 9 ou 10 anos. Daquela, o único cine que podiamos ver era o que programaban as dúas únicas canles televisivas existentes no Reino Unido. Eran películas antigas: branco e negro, mudo, clásico… Non perdía unha! Pronto empecei a sentir fascinación polo cinema negro alemán: Metropolis, O gabinete do Dr. Caligari, Nosferatu… Recordo ben como me impresionou a primeira película española que vin: A cabina.

—Entre a multitude de entrevistas e reportaxes que levas feito, de cal te sentes especialmente orgulloso?

—Unha reportaxe sobre Amandio de Ossorio, quen, curiosamente, naceu diante dun cine en A Coruña. Unha figura clave no subxénero do cine de terror. Dirixiu, entre outras, unha cuadriloxía da que dei conta nunha retrospectiva publicada en inglés nas revistas Fangoria e Shivers, e que tivo moita repercusión. Como curiosidade, dicir que o seu derradeiro traballo, Serpe de mar, foi filmado en 1980 en Pontevedra. Trataba dun monstro mariño que se enfrontaba ás gaivotas... Fascinante!

—Podemos falar, coma no caso escandinavo, dun cine noir galego?

—Non penso que exista un estilo propio como tal, aínda que si existen películas fantásticas de temática propiamente galega, e tamén outras filmadas aquí, pero que poderían estar rodadas en calquera outra parte, porque nelas a localización non é rigorosa ou relevante para a trama. Por exemplo, o gran Roger Corman produciu unha en Galicia con estes ingredientes: un americano dono dun pazo, flamengo e paisanos que bebían cuncas de queimada mentres comían polbo á feira. Xa podes imaxinar…

—Cres que existe algunha filmación fantástica galega descoñecida que mereza ser vista?

Dagon, la secta del mar. Falei dela en Fangoria. É unha produción de Stwart Gordon do ano 2000. Sen dúbida, unha das mellores adaptacións da literatura de Lovecraft. Foi rodada en Combarro e Pontevedra. Por que se filmou aquí? Porque se chega a rodarse en USA non a crería ninguén. Buscaron precisamente o tópico de Galicia como unha especie de Transilvania. Como curiosidade, Paco Rabal contoume que o que máis lle custou da rodaxe foi falar en inglés e en galego.

—De todo o elenco de artistas que levas entrevistado, houbo alguén co que acadases unha especial conexión?

—Elsa Pataky. A primeira vez que a entrevistei foi na rodaxe de Beyond reanimator. Grazas a iso tiven a oportunidade de suxerirlle á produtora a filmación da película Romasanta, sobre o famoso licántropo galego. Uns meses máis tarde chamoume de Holywood Brian Yuzna interesándose polo proxecto. Elsa deume sorte.

—A quen che quedou pena de non poder entrevistar?

—A Christopher Lee. Tiven a oportunidade de facelo, pero xusto me coincidiu con outro compromiso. Unha mágoa.

—Algunha vez te negaches a entrevistar a alguén?

—Si, a Harrison Ford. É que, como actor, non me transmite nada... Só usa dúas expresións faciais.

—O actor Paul Naschy foi especial para ti, non si?

—Sen dúbida. Naschy é moito máis que un actor de cine B. Un home ilustrado: director, guionista, actor, produtor... Traballou con Boris Karloff, Samuel Bronston, participou en Rey de reyes, I spy… Foi un loitador, constante, decidido e entusiasta. Un intérprete moi pouco recoñecido en España, pero unha icona mundial.

—En que proxecto andas actualmente embarcado?

—Levo anos traballando nunha historia do cine fantástico en Galicia. Non é doado avanzar xa que existen moitos problemas para acceder a certas producións que non están dispoñibles ou están desaparecidas, como é o caso dalgunhas rodadas nos anos 40 e das que apenas hai rastro. Teño a intención de que sexa unha obra trilingüe: galego, español e inglés. Tamén ando enredado cunha colección de libros colaborativos que estivo no top 5 dos máis vendidos en Amazon. Ademais, gusto de investigar sobre a Lexión estranxeira francesa e, como non!, avanzar no golf que é, curiosamente, onde máis galego se fala.

—Cal é o teu heroe fantástico favorito?

—O home lobo, pola súa condición tráxica: un home condenado a matar que, posteriormente, sofre, arrepentido, polo seu historial criminal.

Rematamos as herbas e o té, anoitece, as sombras colonizan a estancia e a chuvia persiste. Hodges continúa, elocuente e incansable, achegando datos e coñecementos. Vénme á mente aquilo que dicía Holmes sobre si mesmo: «É unha sorte para esta comunidade que eu non sexa un criminal». Co noso convidado, hoxe, chego á mesma conclusión.

Tradutor das memorias de Paul Naschy

Non parecía nada esperable que detrás do porte case beatífico de Michael Hodges (Londres, 1960) foramos atopar unha das voces internacionais máis autorizadas e actualizadas en cinematografía fantástica e de terror. Titulado en Linguas Modernas pola Universidade de Bristol, exerce como docente, escritor, tradutor, intérprete e intermediario en xestións internacionais. Mais a súa máis grande paixón, con permiso do golf, é a sétima arte.

Comeza a súa carreira como crítico de cine en diversos fancines ingleses. Con posterioridade, colabora na celebérrima revista norteamericana Fangoria. É no ano 2000 cando a prestixiosa editorial Midnight Marquee lle encarga a tradución das memorias do reverenciado actor español Paul Naschy, a quen acompaña nunha xira homenaxe polos Estados Unidos.

Dende hai décadas as súas incontables entrevistas con directores, produtores, actores e actrices veñen sendo publicadas nas máis importantes revistas especializadas de Reino Unido, Estados Unidos e España. Geraldine Chaplin, Martin Sheen, Janet Leigh, Maribel Verdú, Roger Corman, Vicente Aranda, Amenábar, Del Toro, Tosar, Pataky, Segura, ou De la Iglesia son algunhas das ducias de estrelas coas que ten cooperado.

Xiro copernicano

Pouco parecía presaxiar, alá nos albores dos anos 80, que en metade dunha viaxe de estudos a España, a súa existencia daría un xiro copernicano: o seu pulso vira de ritmo cando tropeza co ollar dunha guapa moza galega con quen fusiona destino, soños e fatigas na pequena aldea ribeirense de Bretal onde residen, xunto cos seus dous fillos, dende hai máis de tres décadas.

Nada é accesorio na súa narración e, dotado dunha prodixiosa memoria, debulla incesantemente datos, nomes e anécdotas con asombrosa precisión. Cunha fala na que predomina un delator sotaque británico, o fluído galego no que se comunica tínguese dun peculiar rebordo cosmopolita. Mike é propietario dunha finísima retranca que non nos permite concluír se sobe ou se baixa, se é inglés ou galego ou, como dirían na apreciada Pérfida Albión: un all-in-one; isto é, un todoterreo. 

En definitiva, Barbantia hoxe conversa cun ser único e impar. Un auténtico luxo.