A banalización das loitas

Patricia Torrado Queiruga

BARBANZA

«Intemperie», de Andrea Fernández Maneiro
«Intemperie», de Andrea Fernández Maneiro cedida

O 25N xa se conmemoraba en Latinoamérica 19 anos antes do novo milenio, na memoria das irmás Mirabal

30 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Finais de novembro é sempre unha data fixada no almanaque coa chincheta dunha cor xa interiorizada dende o ano que antecedeu ao cambio de milenio, se ben había 19 anos que en Latinoamérica xa se viña conmemorando na honra de tres irmás dominicanas asasinadas en 1960, as irmás Mirabal, opositoras da ditadura de Trujillo.

É o 17 de decembro de 1999 cando a Asemblea Xeral das Nacións Unidas, na súa resolución 54/134, entende por violencia contra a muller «todo acto de violencia baseado na pertenza ao sexo feminino que teña ou poida ter como resultado un dano ou sufrimento físico, sexual ou psicolóxico para a muller, así como as ameazas de tales actos, a coacción ou a privación arbitraria da liberdade, tanto se se ocasionan na vida pública coma na privada».

Se ben a equiparación en dereitos semella algo de hai dous días, debemos lembrar que xa en 1791, a escritora francesa Olympe de Gouges escribiu a Declaración dos Dereitos da Muller e da Cidadá, como resposta aos Dereitos do Home e do Cidadán proclamados en Francia dous anos antes. Este documento da escritora referida é, pois, dos primeiros en propor a igualdade de dereitos e a equiparación xurídica e legal entre os dous sexos.

Así, outro novembro máis conmemórase o 25N, e nós e as nosas somos un simple número, unha cifra ancorada no calendario, somos un motivo para facer foto institucional de unidade e banalización das loitas, coma no 8M somos a escusa perfecta para que nos colexios e institutos se solvente a data cun mural de cartolina e papel maché, actividade na que «colaborarán» os concellos porque na axenda pública e política queda moi ben poñer un fondo violeta tralo emblema municipal.

De que serve todo isto se a desigualdade segue, nestes casos, agochada tras as alfombras? Se nos colexios e institutos o profesorado silencia as violencias machistas do propio claustro ou do alumnado e son corresponsables da non denuncia pública? Se politicamente non nos implicamos na non trivialización de condutas que restan moito de ser aceptables? Se non exercitamos a sociedade para que vexa tras cada aldraxe unha tara a denunciar?

Defensa da igualdade

Pois a loita contra o terrorismo machista está vencellada de xeito inexorable á defensa dunha igualdade que ten que ser per se. Porque debemos ser conscientes de que, cando nunha mesma casa conviven homes e mulleres, que un home diga que «axuda» nos quefaceres domésticos isto é tamén violencia machista, pois o que debe reivindicar é un «eu fago» xa que a corresponsabilidade é un primeiro paso para a implementación desta igualdade da que falamos. Porque cando escoitamos que unha política di, xa existen cotas femininas en listaxes e en postos de traballo e dirección e iso implica que «ao mellor» «un home moi formado non poida acceder a este posto» tamén é un xeito de violencia sobre nós. Porque esa oración sería impensable aplicada do revés.

Porque ao longo deste 2024 atopamos exoneración dunha parte da sociedade cara a un «home» que tivo a ben bicar sen o seu consentimento unha deportista, porque se destapou no país veciño unha violación sistemática e sistémica dunha muller que tivo os arrestos de denunciar publicamente que a vergoña tiña que mudar de lado, porque aínda por riba de sufrir violencia machista contra a súa persoa non estaba disposta a ter que agocharse nunha sociedade que ten moito que mudar e moito que matinar sobre o que estamos a consentir.

Porque vimos de vivir un xenocidio atroz contra un pobo no que, homes, mulleres e crianzas inda tendo nome, son tamén un simple número e no que descubrimos de novo, como di a filósofa Celia Amorós, «o corpo das mulleres é un libro no que se inscriben as regras do patriarcado».