O Concello da Pobra convoca a sétima edición do premio de literatura infantil Carlos Mosteiro

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Lojo, Briones, Tembra, Blanco e Calveiro durante a presentación desta edición
Lojo, Briones, Tembra, Blanco e Calveiro durante a presentación desta edición cedida

O gañador recibirá 3.000 euros e a publicación da súa obra na editorial Árbore de Galaxia

03 sep 2024 . Actualizado a las 11:03 h.

Promover a produción literaria dirixida ao público infantil e ofrecerlles lecturas de calidade as novas xeracións son dous dos obxectivos que fixeron que hai xa sete anos comezase a andar o premio literario Carlos Mosteiro, que impulsa o Concello da Pobra, a Editorial Galaxia e a asociación cultural Barbantia. Acaba de presentarse a nova edición, que repartirá un único galardón de 3.000 euros en metálico, ademais da publicación da obra gañadora na colección Árbore, e o reparto de exemplares entre os estudantes do municipio.

A concelleira de Cultura pobrense, Patricia Lojo, sinalou que este premio converteuse xa nun referente no panorama literario, e destacou que este ano haberá unha importante novidade. «Ademais de homenaxear a este veciño coa constitución deste premio, encargamos un retrato en ferro sobre madeira da autoría de Che Tembra que lucirá nesta biblioteca municipal Victoriano García Martí».

O artista e a viúva de Mosteiro, Lourdes Briones, foron os encargados de destapar a obra, que xa pode contemplarse no centro de lectura pobrense. No acto tamén participaron a presidenta de Barbantia, María Xesús Blanco, que recordou que a entidade cumpre este ano vinte anos e que, precisamente, o escritor pobrense foi un dos seus fundadores.

Ata o 1 de novembro estará aberto el prazo de presentación de orixinais para este certame, que deberán estar escritos en galego e dirixidos a lectores de entre 8 e 12 anos. Non poderán concorrer autores que xa acadaran este galardón, e un xurado formado por tres persoas de recoñecido prestixio no mundo editorial serán as encargadas de decidir cal será a obra gañadora, que se coñecerá en decembro.