Fervían as rosas salvaxes no Bloomsday

BARBANZA

Scott Dexter

James Joyce petou na túa xanela no Nadal de 1976 na libraría santiaguesa Follas Novas

17 jun 2024 . Actualizado a las 12:12 h.

Dublín. 16 de xuño de 1904. Fervían as rosas salvaxes nos derradeiros días daquela afastada primavera. James Joyce e Nora Barnacle quedaron para atoparse por vez primeira na praia de Sandycove, na costa ao sur da capital de Irlanda. Esa é a data que desde 1954 se conmemora na cidade irlandesa coma o Bloomsday (día de Bloom). Esa é a xornada na que transcorre a odisea dun home moderno calquera e que se relata no Ulises, a máis afamada e monumental obra do escritor irlandés, e cuxa epopea alcanza no día de hoxe os 120 anos de idade.

Lembremos. No 1882 nace James Joyce nun barrio de Dublín. E sería o primoxénito dunha familia numerosa. Morre o 14 de xaneiro de 1941 en Zúrich, onde foi soterrado ao día seguinte no camposanto de Fluntern, a carón de Elias Canetti. A primeira vez que Joyce e Nora chegaron a esta cidade suíza fora con motivo da Primeira Guerra Mundial. Por entón, ambos os dous viñan de Trieste e eran dous mozos ateigados de ilusión. Pero cando regresaron por terceira vez logo de fuxir da Francia ocupada polos nazis, o escritor estaba enfermo e aterrou case sen alento e cego. Desde logo nada parecido á portentosa enerxía creativa que exhibira nas dúas veces anteriores.

James Joyce petou na túa xanela no Nadal de 1976 na libraría santiaguesa Follas Novas. Chamara a túa atención o libro porque o título recordábache a Odisea de Homero. Pero non coñecías o autor. Pasaron meses antes de que mercases o monumental libro, na edición de Lumen e a tradución de José María Valverde. Antes de adentrarte na espesura das follas daqueles dous volumes, mercaches dúas obras de menos percorrido do mesmo autor: Retrato del artista adolescente e Stephen el héroe. E só despois destas dúas curtas obras, te atreviches a penetrar lenta e vagorosamente naquel templo que che semellaba moi misterioso. Cando despois de bastante tempo acabaches a lectura, escribiches nun caderno: «Complexo e complicado de seguir. Encántanme moitas cousas, pero hai outras tantas ou máis que non comprendo. En xeral, paréceme fascinante. Teño que deixalo descansar un tempo para volver a lelo de novo».

Foi así como logo dun verán parado, comezaches a frecuentar outra vez as súas páxinas. E mentres cubrías a segunda travesía polas procelosas augas da turbulenta prosa joyceana, que nace na fonte da lingua de todos os días, experimentaches un gozo semellante ao que xa tiñas sentido cando de neno quedabas pasmado vendo como caía a chuvia sobre os verdes prados no outono. E foi entón cando apuntaches na túa bitácora: «Non é necesario deixarse impresionar polas numerosas citas ou abundantes referencias culturais ou relixiosas. O espírito da obra é coma un río fluíndo rítmica e melodiosamente entre os meandros que poboan o seu leito. Por iso conta co encanto do inaccesíbel e o pérfido atractivo do que ninguén quere».

A monumental e mítica novela Ulises saíu do prelo completa por vez primeira o 2 de febreiro do 1922 despois de esquivar numerosas censuras, prohibicións e ser acusada de impía, pornográfica, demoníaca… Os personaxes principais desta odisea urbana e moderna son Stephen Dedalus, un mozo con aspiracións de chegar a converterse nun artista, e un donninguén, Leopold Bloom, un publicista xudeu de 38 anos, e a súa muller Molly.

A epopea consiste nun percorrido polas rúas, prazas e bares ou pubs e restaurantes de Dublín, por onde circula unha comitiva de persoeiros da máis diversa pelaxe que se pon en marcha ás oito da mañá. Stephen e Bloom abren a xornada cada un polo seu lado e conflúen á noitiña. E regresan sobre a medianoite xuntos á casa do publicista, onde agarda, xa metida na cama, Molly, que pecha o libro cun torrencial diálogo interior cuxa última frase di: «…primero lo rodeé con mis brazos sí y lo atraje hacia mi para que pudiera sentir mis senos todo perfume sí y su corazón golpeaba loco y sí yo dije quiero sí».