A sociedade rianxeira nunca falla aos seus escritores

Ramón Ares Noal
MONCHO ARES RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

NELL

Xosé Ricardo Losada xúntase arredor de «Un inferno frío» con Faustino Rei Romero, Castelao, Virxina Pereira e Óscar Reboiras

27 may 2024 . Actualizado a las 13:41 h.

Que Rianxo teña condición de vila cultural está xustificado pola súa historia, polo seu presente e, probablemente, polo seu futuro. Os tres tempos déronse cita no auditorio municipal con motivo da presentación do libro Un inferno frío, de Xosé Ricardo Losada, cuxa obra acaba de recibir o XXII Premio Avilés de Taramancos de Novela de Aventuras, e que tivo unha acollida extraordinaria ante os seu veciños.

Historia, presente e futuro literario foron da man na estrea repartidos entre Faustino Rei Romero, Daniel Rodríguez Castelao e a súa dona Virxinia Pereira, protagonistas da ficción; Xosé Ricardo Losada, autor da obra; e Óscar Reboiras, que, na súa condición de especialista en novela negra, deu o seu parecer sobre o volume, aderezados por unha intervención musical tamén moi rianxeira: Manuel Tubío, guitarra e voz, e a súa filla Carme, ao violonchelo, que abriron e pecharon o acto interpretando poemas de Faustino Rei Romero como O melro esculpido nun retablo barroco e O melro morto.

Óscar Reboiras referiuse a Xosé Ricardo Losada como o autor que máis escribe de Rianxo, porque todas as súas obras teñen por escenario o municipio, ao que o autor matizou que non sabía si o era, pero do que si é consciente é de que é o máis rianxeirista. Reboiras asegurou que Un inferno frío é unha novela fácil de ler —consta de 120 páxinas— e consegue manter a atención de principio a fin. Engadiu que lle gustaba especialmente porque é dos lectores aos que prefiren non intuír o final, que a trama sexa capaz de manter a intriga, sexa amena e acabe sorprendendo.

Xosé Ricardo Losada empezou agradecendo a numerosa asistencia, tanta que os volumes que a libraría achegou ao acto esgotáronse, especialmente pola presenza dun irmán de Faustino Rei Romero, de 93 anos, que acudiu acompañado pola súa neta.

O autor cualificou a obra de homenaxe aos tres protagonistas, dos que coñece ben a súa vida, e de espiña cravada arredor da morte do crego de Isorna rodeada de tal misterio que non estaba claro se foi un suicidio, unha asasinato ou un accidente, pero na obra decántase claramente por unha das tres opcións.

O escritor explicou de onde sacou o título, Un inferno frío, de Os dous de sempre, de Castelao, enunciado que lembra o exilio e a ficcionada labor investigadora do matrimonio arredor da morte do cura. Tamén tivo palabras de recoñecemento ao ilustrador, tanto da portada como do interior, o artista Veiras Manteiga.