O premio Francisco Añón viaxa a Melide, pero distingue tres novas plumas de Muros

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Luísa Villalta compartiu con Xosé Agrelo, María Mariño e Antón Avilés de Taramancos o seu día grande

17 may 2024 . Actualizado a las 20:41 h.

Como vén sendo habitual, o Concello de Outes conmemorou o Días das Letras Galegas dando a coñecer o fallo do xurado dunha nova edición, a número 28, do Certame Francisco Añón de Poesía. Nesta ocasión, o galardón máis importante viaxou ata Melide, pero o concurso distinguiu tres novas plumas que concorreron desde o veciño municipio de Muros.

O conto da leiteira, asinado por Vicente Vázquez Vidal, foi o elixido para erixirse co premio estrela, un cheque por importe de 1.500 euros e a publicación do volume. O xurado destacou que é unha proposta «cargada de saber popular, cun estilo coherente e un aquel místico que supura naturalidade». Concedeulle un accésit a Paulo Vilar, de Cangas, por Un día de febreiro.

Tres dos galardóns da convocatoria deste ano quedaron na comarca, concretamente en Muros. Un foi para Sara Piñeiro, de Abelleira, que compartiu con Mariña Espasandín, de Rois, o primeiro premio da categoría dos máis pequenos, nenos de 6 e 7 anos. Nesta sección, Iria Eiras, tamén de Abelleira, gañou un accésit; ao igual que Noel Piñeiro, de Rois.

Pola súa banda, a nena de Esteiro Laia Figueiras erixiuse como gañadora no tramo de idade comprendido entre os 8 e os 9 anos. Na categoría seguinte, de 10 a 11, o máximo galardón compartírono Carmen Elena Alves e Daniela Molas, as dúas de Baiona. Tamén foi compartida a distinción reservada para os rapaces de 12 a 14 anos, que levaron Uxía Seoane, de Arteixo, e Marina Urrutia, de Santiago. Pecha a lista outra parella, Amalia Blanco (Santa Comba) e Iris Abril (Salvaterra do Miño), que se repartiron o recoñecemento na categoría de 15 a 17 anos.

Presentacións e homenaxes

Amais do anuncio do fallo desta edición, o acto incluíu a presentación das obras gañadoras da pasada edición do Francisco Añón. De feito, contou coa presenza de Naila González, a que se fixera co galardón máis importante. Falaron tamén Anxo Núñez, concelleiro de Cultura; Miriam Ferradáns, poetisa; e Santiago Nieto, dinamizador cultural do Concello e secretario do xurado. A nota musical puxérona Dara e Manuel.

Non foi Outes o único concello de Barbanza que se sumou á gran festa das letras. De feito, houbo actos en boa parte da comarca, algúns deles dedicados a exaltar a plumas locais, que compartiron protagonismo coa gran homenaxeada a nivel Galicia, Luísa Villalta.

En Noia, o concelleiro de Cultura, José Pérez, realizou unha ofrenda floral diante do busto de María Mariño, acompañado de tres concelleiras da Marea, do BNG e do PSOE. Despois, repetiu a escena na escultura dedicada a Avilés de Taramancos, arroupado nesta ocasión polo alcalde, Santiago Freire; polos fillos do homenaxeado Santi e Luis, e polo seu neto Mateo. Xa no interior do claustro do concello, o artista local Serafín Marcos ofreceu unha viaxe teatral pola vida e a obra de Villalta.

Muros dedicou o 17 de maio a Xosé Agrelo Hermo, que destacou sobre todo pola divulgación do teatro, tanto como autor de obras como creando e dirixindo compañías afeccionadas. Diante do busto que ten na alameda de Esteiro efectuouse unha ofrenda floral, organizada por O Xeito Teatro. A alcaldesa, María Lago, asegurou que Xosé Agrelo merece ter o seu día propio.

No acto participaron familiares e amigos de Agrelo. Ao mesmo tempo programáronse actuacións de Pakolas en Esteiro e Muros e a obra de teatro O Espantallo, a cargo de O Xeito Teatro e a ANPA do Ricardo Tobío no local social da Esteirana.