Joám Evans: «O gran reto é facer que o monte deixe de ser un gran polvorín»

María Xosé Blanco Giráldez
M. X. Blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Sitúa o control da biomasa, a eliminación de invasoras e a creación de cortalumes como medidas prioritarias

13 may 2024 . Actualizado a las 10:41 h.

A comezos de maio do 2016, un gran incendio calcinou os montes pertencentes á comunidade de Froxán, en Lousame. Aquel desastre natural foi o xerme dun movemento de deseucaliptización e rexeneración sen precedentes. Para impulsalo naceu Montescola, un colectivo que buscaba implicar ás novas xeracións nese proceso de reforestación e que acabou converténdose en fundación. Foi impulsado por Joám Evans Pim (Rianxo, 1983), que agora traballa man a man co Laboratorio Ecosocial de Barbanza para implantar en media ducia de comunidades un modelo de xestión do monte sustentable.

—Cando comeza a súa preocupación polo monte?

—Foi cando me trasladei a Froxán, onde casei. Tralo incendio do 2016 pregunteime: «Como podemos facer para que isto non se repita?». Entón empezamos a redeseñar a xestión do monte. No 2018 lanzamos as brigadas deseucaliptizadoras, que xa teñen máis de 1.400 voluntarios. E no 2017 naceu Montescola, unha asociación dedicada á rexeneración.

—Como se forxou a alianza co Laboratorio Ecosocial?

—Chegou un punto no que vimos que o que estabamos facendo aquí tiña sentido levalo a outras realidades. Cando naceu o Laboratorio Ecosocial, no 2019, fixo un estudo de Baroña, as Brañas de Laíño y Froxán, e viron no noso monte un modelo de xestión alternativo. Desde aquela vimos colaborando.

—E agora aliáronse nun proxecto moi ambicioso...

—Si, é un proxecto con dúas liñas de traballo moi importantes. Por unha banda busca aproveitar o valor social e económico do monte e, por outra, trata que esa xestión sexa positiva para a conservación da natureza e da biodiversidade. A idea é demostrar que esas dúas patas se poden retroalimentar. Os líderes son as comunidades, que están a facer un traballo excepcional. A nosa misión é a de implicar á cidadanía e tamén imaxinar o futuro, axudar a deseñar como nos gustaría que fose o monte dentro de dúas ou tres décadas.

—Cal é o principal obxectivo?

—As comunidades implicadas neste proxecto temos unha visión moi parecida a pesar de que os nosos montes son diferentes. Queremos un monte coidado, aínda que sabemos que é complicado e supón moito traballo. Por iso é importante facerlle ver á sociedade e ás institucións a importancia que teñen os montes en eidos como a liberación de osíxeno, as traídas de auga, a prevención de incendios, a nivel de patrimonio cultural...

—En que situación se atopa o monte de Barbanza?

—Temos un monte que sofre con demasiada frecuencia o problema dos incendios. Con eles, as acacias espállanse por centos e centos de hectáreas. Aínda non somos conscientes do difícil que é erradicar este especie, pois as súas sementes teñen un período de latencia de 60 anos. Por outra banda, temos unhas comunidades vivas, dinámicas, con ideas. Faltaba ter a capacidade de aprender unhas de outras, de compartir experiencias, e este novo proxecto vai permitir iso.

—Preocupa a man negra que poda estar detrás dos incendios?

—Hai incendios provocados, como o do 2016 en Froxán, pero outros non o son, como ocorreu no 2019 en Rianxo, que partiu dun transformador. Por iso, o importante é que se temos unha xestión preventiva conseguiremos que o lume non avance tan facilmente e que sexa máis doado de controlar. O gran reto é facer que o monte deixe de ser un polvorín. Aí entra a gandaría, para un control natural da biomasa; as paisaxes cortalumes, con masas de frondosas que frean as chamas; e outras medidas.

—Pódese conseguir?

—Non só diría que si, senón que engadiría que é urxente e imprescindible. O que é temerario é seguir tendo aldeas rodeadas de eucaliptos e outras especies invasoras. Xa vimos o que pasou en Portugal no 2017, cando unha vaga de incendios deixou máis de 200 mortos. Non queremos arriscarnos a iso. Hai unha pauta cíclica de incendios que ten que ver coa acumulación de combustible no monte e o que non podemos facer e quedarnos quietos esperando a ver que pasa.

«É preciso seguir traballando e atraer a máis comunidades»

Que chegue o día no que o monte de Barbanza se coide a si mesmo é o soño de Joám Evans. Sabe que para conseguilo queda moito traballo que facer, pero está convencido de camiñar na liña correcta. Sobre todo agora, despois de conseguir unha inxección económica considerada de vital importancia.

—Marcará este proxecto un antes e un despois na xestión do monte?

—En termos de apoio económico si, porque as ideas que permitiron emprender este proxecto xa estaban aí. O que falta ás veces é a capacidade de mobilizar fondos e neste caso estamos falar de ao redor de dous millóns de euros. Agora, o obxectivo é romper a cabeza para que o monte sexa viable a longo prazo, para manter os empregos que se están creando.

—Pensaba chegar aquí cando comezou a loitar polo monte desde Froxán?

—Non, pero quero pensar que tamén dentro duns anos estaremos nun punto que tampouco barallamos agora. A posibilidade que se abre é a de imaxinar ás comunidades de Barbanza traballando xuntas, porque este é un sector moi atomizado, debido ao esforzo que require, que parte, en máis do 90 % dos casos, de voluntarios.

—Teñen a porta aberta máis comunidades?

—O proxecto agora mesmo está pechado en termos de socios, pero as actividades de formación serán abertas. A comunidade de Baroña vai lanzar un centro de transformación de alimentos que poderá empregar calquera e tamén se vai poñer en marcha un serradoiro móbil. É preciso seguir traballando xuntos e atraer a máis comunidades, pois Barbanza concentra a maior parte do monte veciñal da provincia.

—Que o impulsa nesta loita?

—É moi gratificante ver a transformación do monte en tempo real. Cando facemos unha actividade de voluntariados, a primeira hora da mañá estamos nunha zona chea de rebrotes de eucalipto de dous e tres metros de altura, pero ao ir comer só quedan carballos, castiñeiros, sobreiras... Ver que o esforzo ten un impacto real é a recompensa.