Barbantia celebrará o venres unha nova edición da súa romaría
11 may 2024 . Actualizado a las 19:19 h.Un ano máis, o pazo de Goiáns converterase o venres en epicentro da gran festa das Letras Galegas que se celebrará en Barbanza. Alí, Barbantia e o Concello de Boiro levarán a cabo unha nova edición, a décimo terceira, dunha romaría que non deixa de medrar. Unha feira de artesanía e de libros daralle a benvida aos asistentes ao longo de toda a xornada, que tamén terán á súa disposición diversas presentacións literarias, obradoiros e actuacións musicais.
Instalarán os seus expositores no recinto as editoriais Cuadrante, Xerais e a do Ministerio de Cultura, ao tempo que terán tamén o seu espazo as librarías Nobel e Ler. No recuncho dos artesáns estarán AdaNegra, Susi Gesto, Sonagasallo, Palilleiras Revolteir@as e Che Tembra. A maiores, haberá una zona de fotocol con roupa tradicional cedida para a ocasión por Xilbarbeira e tamén unha exposición dedicada a Luísa Villalta, autora homenaxeada nesta ocasión polo 17 de maio.
A nivel musical, Pedra de Aroña será a primeira das formacións que entrará en acción. Farao ao mediodía, acompañada polo grupo de baile de Abanqueiro. Ás 13.30 tomará o relevo o trío Alana, mentres que ás 18.00 cobrarán protagonismo Xilbarbeira e Abeloura. O colofón da xornada tamén será musical e correrá a cargo de Os Melidaos e DJ Misa.
Aquelas persoas que se sumen ao arranque da Romaría das Letras tamén terán ocasión de participar nunha ruta botánica polo recinto no que se atopa o pazo, que estará guiado por Xulio Gutiérrez.
A quenda das presentacións literarias chegará pola tarde, ao redor das catro, no interior do edificio. Ana Rial será a primeira en dirixirse ao público para presentar o seu libro Carme e a serea Mariña. Tras ela, Marta Ríos guiará un paseo teatral pola finca de Goiáns. Logo intervirá Esther F. Carrodeguas, que dará a coñecer a obra Iribarne; e por último serán Beatriz Maceda, Eli Ríos e Laura Suárez as que falen de Alma de violino.
A compañía Airiños tamén achegará o seu grao de area a esta edición da romaría. O elenco fará acto de presenza ás 18.30 horas para deleitar ao público cun espectáculo teatral.
«A romaría das letras é un gran acontecemento no Barbanza e ten lugar nun espazo como o pazo de Goiáns que fumega frescura, historia e tamén literatura», afirmou María Xesús Blanco, presidenta de Barbantia.
A concelleira de cultura, María Outeiral, animou a toda a veciñanza de Boiro e a contorna a darse cita no recinto vestida ao xeito tradicional: «É un día para gozar en familia de todas as actividades culturais e apelar á participación cidadá para caracterizarse con algún elemento da roupa tradicional galega». Na presentación tamén estivo o animador cultural Alberto García.