Dígovos, vellos compañeiros, que...

Gonzalo Trasbach
Gonzalo Trasbach (IN) SOMNIUM

BARBANZA

MONICA IRAGO

Naqueles días remontabamos o sendeiro que ía por detrás das casas de Sofía a Belán e de Francisca a Rata

14 abr 2024 . Actualizado a las 10:01 h.

Dígovos, vellos compañeiros, por se non o lembrades, que eramos moi felices cando nos agochabamos nas leiras entre o centeo nos atardeceres últimos do mes de xuño. Naqueles días remontabamos o sendeiro que ía por detrás das casas de Sofía a Belán e de Francisca a Rata, para subir até o campo e a fonte de Novelle. Sabiamos que aló no alto aniñaban os corvos nos piñeiros máis antigos e grosos. Recórdovos que remontar é sempre remontar un río, o río. E isto significa auga. Mais naquela época de estío, non podiamos ascender a canle do noso Regueiro. Pasaba este tanta sede naqueles asfixiantes tempos, que bebeu toda a auga e deixouno seco.

 Dígovos que naquelas primeiras e explosivas xornadas do verán, pouco paraban as vacas nas cortes. Tampouco descansaban os carros. Os animais tiñan esgotados os rabos de tanto usalo escorrentando as moscas que as acosaban implacablemente. Baldeiros os alpendres de palla, agardaban entre a sombra e a luz o batume, o sulfato, os barrís, a avea e a mosqueira… Nese tempo entre o trevo das Cortiñas aniñaban os paspallás, relembrades? E entrementres nós andabamos a rebuscalos, as nosas irmás regaban os ceboliños e sachaban as cebolas.

 Lémbrovos que cando retornabamos coma furtivos desde as praias de Subigrexa e Agañán, por entre os cereais dos campos das Fontaíñas, logo de pasar visita á chumbeira da eira dos Torrado, escoitabamos o son das campás que convocaban ás mulleres máis vellas da parroquia para a novena de san Cristovo, o patrón da nosa comunidade. As máis novas e as mozas acudían á chamada das buguinas dende o Bodión, onde as patelas ateigadas de xoubas e tranchos esperaban para que elas fosen vendelas polas aldeas da contorna. Os homes quedaban nos racús limpando e preparando as redes para na madrugada entrante saír ao xeito outra vez.

 Tamén vos digo que se pronuncio os vosos nomes, incluídos os dos que xa faleceron, aparécenme diante dos escenarios dos meus soños mestos piñeirais, carballeiras ásperas e suaves soutos nos que nos perdiamos na procura dos máis íntimos intres das horas, dos días. Se vos lembro un a un, énchenseme as pupilas de aves, de paxaros de luz que me guían no medio da noite: avanzamos en fila polo nosos camiños do monte, como cando regresabamos das festas da Fieiteira, en Abanqueiro. E ao mesmo tempo sáenme ás nas mans para trepar con máis facilidade polos troncos das árbores cubertos de musgo.

 Nomeo a só un de vós e xorde diante dos meus ollos unha frota de gamelas do Bodión pondo rumbo para Portomouro, o recanto dunha praia onde hogano os Triángulo de Amor Bizarro compoñen as súas cancións. Navegaban sen velas e sen remos, e nós iamos dentro delas cos brazos erguidos cara ao azul escuro do ceo cantando a melodía do vello mariñeiro Caliveras, cando saía bébedo da taberna de María a Martela e comezaba a subir pola corredoira: «Esta noche no alumbra la farola del mar, esta noche no alumbra porque no tiene gas…».

E se digo en voz moi queda Naranxo, asoma no marco do visible un piñeiro manso na escarpada ladeira dunha canteira. E logo xorden corvos grallando entolecidos nos piñeirais de detrás das Barreiras, que cravaban as raíces nos rochedos arrasados de soidade e abrasados por linguas salgadas e chamas de xofre. Digo Naranxo e albisco aló no fondo do cadro as humildes casiñas de Agüeiros, sobre un pequeno promontorio ao lado do pazo dos señoritos de Compostela. E debaixo da rampla de acceso á praia desde a casa fidalga, mulleres, homes e rapaces turrando polos cabos dos aparellos do señor David ou de Luisete. E aínda máis aló, aparece a avoa Estrella na praia da Areabasta cos cons da punta de Neixón detrás, indicando o punto final dunha das moitas películas que rodamos na nosa infancia. Pensando en vós, modifiquei o clásico refrán deste mes: en abril había charcas mil nos nosos camiños para o monte, camiños de néboas no inverno e perfumados de brea na dourada estación do estío.