Aurora Marco desenterra a historia de Carmiña Sierra, outra galega silenciada
BARBANZA
Debulla no seu último libro os capítulos da vida da primeira muller que ingresou no Seminario de Estudos Galegos
25 nov 2023 . Actualizado a las 13:22 h.É de sobra coñecido o inxente labor que leva realizado a investigadora Aurora Marco para recuperar do esquecemento a mulleres galegas das que pouco se sabe pese a teren desenvolvido un papel fundamental. Proba diso son obras como As silenciadas, Elas ou As irmandiñas. Foi precisamente este volume, que recolle a traxectoria de perfís femininos vinculados ás Irmandades da Fala, a que lle deu pé para desenterrar a Camiña Sierra, a primeira muller que ingresou no Seminario de Estudos Galegos. O libro que compila a súa traxectoria foi presentado o venres en Ribeira, no acto mensual que promove a asociación Barbantia.
A autora comezou a súa intervención explicando as dificultades que tivo que superar para rescatar a historia desta grande descoñecida. Sinalou que foi un exalumno seu vinculado precisamente a Ribeira, Fernando Cabeza Quiles, o que lle facilitou un fío do que tirar, cando nunha rede social escribiu unhas liñas sobre a súa avoa Ramona, irmá de Carmiña. A investigadora viaxou logo a Madrid para falar cara a cara cunha neta dela e, a partir de entón, contou co apoio total «dunha familia xenerosa, que puxo ao meu dispor un arquivo no que conservou o legado dos avós con motivo mimo, respecto e esmero».
Aurora Marco narrou, no acto celebrado no centro cultural Lustres Rivas, os acontecementos que marcaron a vida de Carmiña Sierra, unha muller nacida en Cesures no 1906, no seo dunha familia acomodada, que en contra do que era común na época, quixo ir á universidade e estudou Filosofía e Letras. Foi esa etapa na USC a que lle brindou a posibilidade de ingresar no Seminario de Estudos Galegos: «Foi pioneira, pois entrou a formar parte o 16 de novembro de 1923, nada máis constituírse».
Carmiña quería dedicarse á docencia, polo que marchou a Madrid a preparar oposicións. Como explicou Aurora Marco, tamén este reto o culminou con éxito, exercendo de profesora en institutos de Andalucía, Cidade Real e na mesma capital. Pero como lle ocorreu a tantas outras mulleres silenciadas, a Guerra Civil «cortou de vez aquela etapa de ilusión e esperanza». A investigadora relatou como regresou para Cesures e montou unha granxa, un traballo que compaxinaba cunha intensa actividade política clandestina xunto co seu home, Carlos Díaz Rodríguez.
Os anos escuros
Esa faceta desencadeou, en xaneiro de 1946, en detención, consello de guerra e tres anos de prisión, aos que lle seguiron o exilio en Caracas. «Galiza ocupou sempre o seu pensamento e ela quixo regresar e deixou indicado que as súas cinzas se esparexesen no río Ulla. Alí chegaron tras viaxar a Venezuela o seu fillo», concluíu a historiadora, que aproveitou para agradecer a todos aqueles que, dun xeito ou outro, contribuíron na realización e publicación deste traballo.
O gran labor que novamente realizou Aurora Marco para desenterrar a historia dunha galega silenciada foi enxalzado por todos os que a arrouparon no acto de presentación. Así, Celia García, de Memoria Histórica do Babanza, destacou o compromiso da escritora á hora de darlle visibilidade ás mulleres e na recuperación da memoria histórica. Tamén María Xesús Blanco, presidenta de Barbantia, incidiu na traxectoria da autora vinculada co feminismo e co seu empeño en dar a coñecer o importante papel que desempeñaron as mulleres na historia de Galicia.
O alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, sumouse ás palabras das anteriores, facendo fincapé na importancia que ten recuperar a historia das mulleres que foron silenciadas. O acto contou coa presenza de Henrique Alvarellos, o editor do libro, que salientou a riqueza gráfica da obra, así como a cantidade de documentos inéditos que achega a autora.
A presentación do novo libro de Aurora Marco coincidiu coa saída á rúa dun novo número, o 189, do suplemento cultural A Voz de Barbantia.