A torre de marfil

Ramiro Ouviña

BARBANZA

DANI GESTOSO

25 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A figura é unha anomalía gris na paleta cromática da praia, o mar e o ceo, no solleiro do atardecer que xa se anuncia. Camiña con parsimonia, lixeiramente botado para atrás, quen sabe se por manter o equilibrio ou por amosar, impúdico, a triste e caduca figura; as mans, embolsadas no pantalón gris esluído, manteñen a chaqueta atrasada, permitindo así unha mellor vista da xenerosa circunferencia abdominal. Completa o chocante espantallo un chapeu tamén, xaora, gris, de ala flexíbel e cinta.

Os pasos cos que mide as lousas do paseo teñen un aquel paquidérmico, dando ao seu desprazamento una sensación de disfunción cinética de ritmo caprichosamente variábel.

Recoñézoo, case ao mesmo tempo que Xelo di:

—Aí o tés. Sabes quen é, non si?

—Xaora que sei!

De súpeto estou nos primeiros minutos daquela mañá escolar de primeiros de novembro, sentado no pupitre puído polas mangas de centos de nenos antes, da aula-escola municipal onde reina con poder absoluto e despótico don Ceferino. O rinchar da porta ao se abrir mata de vez o balbordo dun segundo antes e ponnos de pé ao tempo que berramos: «Buenos días, señor profesor!»

Da súa man vén un rapaz, perfectamente traxado, exquisitamente peiteado, «coma se o lambese unha vaca», segundo ben describiu Xurxo, que mira cara a adiante con absoluta indiferenza por nós, a chusma.

—Atendede, atendede todos! —esixe o déspota dende o alto da tarima.

—Hoxe recibimos nesta clase un novo alumno e, escoitade ben, un moi especial alumno. Facundo Coutiño está baixo o meu coidado e consideración persoais. Non vos digo máis. Que non volo teña que repetir —remata, barrendo a clase coa súa mirada miope.

Dende o seu lugar de privilexio, unha mesa propia a carón do profesor, Facundo mostrounos todos e cada un dos días que compartimos aula o seu absoluto desprezo. Incluso no fútbol dos recreos recordábanos unha e outra vez de quen viña sendo, quen era el. O fillo do delegado de Sindicatos e director da oficina de Extensión Agraria, que facía pouco tomara posesión do local que fora da Sociedade Agraria Leiras de Ordán, e cuxo maior mérito foi romper a marteladas a lousa de mármore que lembraba a súa construción en 1908, cos cartos dos emigrantes na Arxentina.

—Non nos mirará —dime Xelo—. Viunos; ten boa vista. E sabe ben quen somos, pero o raposo perde as forzas, e pode que as gadoupas, mais non as mañas. O seu tempo ?escuro? pasou, pero segue naquelas tebras que para el foron luz. Sabe que a torre xa non é de marfil pero tanto lle ten.

Ramiro Ouviña

Mariño xubilado:

«O mar fixo de

min un lector.

A vida en terra

espertou a ansia

de escribir.

Espremendo a

vida»