Fíxose cargo da lancha Gaspar, trala morte de seu marido, e coñecía perfectamente a ría e os seus baixos
25 nov 2023 . Actualizado a las 10:39 h.Desde hai varios séculos houbo determinadas embarcacións, chamadas carretos, que transportaban persoas e mercadorías entre os principais portos da ría de Muros e Noia cun horario e itinerario ben coñecido pola veciñanza daqueles portos que precisaban trasladarse ás vilas nos días de feira. Este servizo estivo en funcionamento ata a metade da década dos sesenta do século XX.
Os traslados gozaban do beneplácito dos gremios do mar e, grazas a eles, os pescadores obtiñan uns ingresos complementarios achegando xente de Porto do Son, O Freixo, Esteiro, Outes etcétera, ata Muros ou Noia para venderen produtos do campo e mesmo animais.
Destacados historiadores xa nomearon varios barcos e tamén aqueloutros que facían o servizo de carreto. Foron notables os sancosmeiros que unían San Cosme con Noia achegando mulleres que levaban ata esa vila os produtos da horta. Outras veces eran as lanchas xeiteiras as que acomodaban no seu interior xente e ás veces animais para a súa venda. En Porto do Son houbo varias embarcacións que desde comezos do século XX se encargaron de transportar viaxeiros ata os portos de Noia ou Muros.
Do primeiro que temos noticias foi a lancha Gaspar, patroneada por José Avilés Santiago (José do Olliño), e posteriormente a súa dona, Manuela Rodríguez Blanco (Manuela a Caiona). A lancha comproulla a Gaspar Ben Alvite en 1902 por 425 pesetas. Navegaba a vela e remo e as súas escasas dimensións (eslora, 6,50 metros, manga 2,50 e puntal 0,95) non permitían levar moita xente. Faenaba con redes do xeito facendo a costeira da sardiña e, a partir de setembro, chegaban ata Fisterra empregando raeiras.
Enloitada
Tralo falecemento de José, a súa viúva, Manuela, aproveitando os coñecementos do seu marido e da súa familia, fíxose cargo da embarcación como armadora e patroa, alternando as xornadas de pesca co transporte de viaxeiros nos días de feira en Noia ou Muros durante o primeiro cuarto daquel século.
Manuela, sempre enloitada, dominaba o emprego das velas, remos e temón e coñecía perfectamente a ría e os seus baixos.
Nunha ocasión, faenando máis ao norte de Fisterra, a lancha foi sorprendida por un forte temporal, véndose na obriga de refuxiarse no porto de Caión durante un tempo. A partir daquela, foi coñecida entre a veciñanza como a señora Manuela, a Caiona, alcume derivado daquel topónimo, converténdose nunha das pioneiras ao goberno do temón dunha embarcación.
Durante a República o barco a motor Churruca, propiedade de Vicente Carballo, tamén se empregou como carreto, obtendo beneficios polo transporte de viaxeiros ata Noia nos días sinalados.
Aos carretos existentes noutros portos da ría engadiuse o Hermanos Pérez en Porto do Son. O barco fora construído nesta vila en 1947 por Manuel Tomé (Manolo de Sendia) para Avelina Vinagre Ares. Tiña 10,50 metros de eslora, 2,70 de manga e 1,30 de puntal, e foi construído exclusivamente para o transporte de viaxeiros, cando as estradas eran pouco máis que camiños enlamados, cheos de dificultades para seren transitados, e o desprazamento en barco entre os distintos portos era toda unha aventura, moitas veces obrigada. Estivo en activo pouco tempo, pois o seu rendemento foi menor do que se agardaba, sendo traspasado en 1953.