Los ultras del Frente Bokeron, del Málaga, propician altercados en Riazor
Cando unha arde coa présa e anda a fume de carozo desbalde o tempo en vez de aforralo. Media vida me levou chegar a unha conclusión tan evidente, que só se acada pola propia experiencia, non valen intermediarios nin consellos ben intencionados (case nunca serven de nada). Así coma o caracol explorou moi devagar a tona do pomelo, con movementos lentos mais precisos, procurando unha vía de acceso ao interior nutricio, deberiamos nós, os humanos, abordar os asuntos que a existencia nos vai poñendo diante. O caracol non recuou en ningún momento porque non lle cumpriu volver a unha zona xa pescudada coa conciencia que fornece a calma; os apresurados, porén, por querer facelo todo decontado, deben repasar e analizar de novo o xa visto (mesmo varias veces) para asegurarse de que tiveron en conta todos os detalles, que non lles escapou nada importante. Se a natureza nos dotou dun xorne nervioso, non nos queda outra que ir aprendendo co tempo a base de perdelo, de comprobar por nós mesmos que a lentitude e o sosego garanten, en xeral, un traballo ben feito. Quizais caiamos na tentación de coidar o caracol pachorrento en exceso e trabucariámonos, pois el sempre chega co seu ritmo pousón onde se atopa o que precisa: a cerna do alimento.