Jontxu é xa un artista de longo percorrido, moi identificado cos volumes, e cunha notable querenza pola liberdade e o abraio das manifestacións surrealistas
27 nov 2023 . Actualizado a las 19:52 h.Os que lemos O vello e o mar, de Ernest Hemingway, xa coñecemos a historia, esa epopea cotiá que envolve a heroica vida de todo mariñeiro de vocación e de raza. Ciprián Sampedro Vidal, domador de congros, alias o Pichiña, é hoxe o protagonista desta homenaxe que, in memoriam, de dedica o seu neto, Jontxu Argibay, con esta escultura, sita na Lustres Rivas de Ribeira.
Jontxu fálame do seu avó con unción. De volta de todos os mares, entre outros oficios, «foi o mellor palangreiro e, polo tanto, o mellor congreiro que existiu e existirá xamais. O meu segundo pai, o meu referente na infancia, na adolescencia, e aínda hoxe». Para el, confesa, a orografía dos fondos pétreos da ría non agochaba segredos. A pesca era a súa relixión.
Cando o cura de Castiñeiras quixo que fose á misa dos domingos, o trato foi que, a cambio, tería que pasar unha noite no mar, pescando xuntos, na dorna Yaestabien. Loxicamente, o abade non foi quen de aguantar os embates e, macilento, tivo que devolvelo á terra. Mareado e rendido, confesoulle: «Non fai falta que veñas á igrexa cada domingo, xa tes o ceo ganado».
Forza do mariñeiro
Canto á escultura, dinos o autor, é «unha peza de aglomerado de po de lousa puída á man, cun tratamento inusual na que as figuras forman un todo: esa forza do mariñeiro, ese gorro que sempre levaba ao mar... e o xeito en que o congro ascende e transcende a imaxe dunha simple captura». Escena íntima de pescador e peixe, costumista, familiar e inserida na tradición dun pobo esencialmente debruzado sobre o mar. Figuras rotundas e ao tempo estilizadas, cun certo ton de caricatura, pero robustas e entrañables. Busto exento, de factura clásica e figurativa, pero adobiada cunha forte carga alegórica e conmemorativa. O poder da lembranza, heroísmo e salitre.
Jontxu é xa un artista de longo percorrido, moi identificado cos volumes, e cunha notable querenza pola liberdade e o abraio das manifestacións surrealistas. Mais tamén, cativo do máis puro perfeccionismo e gusto polo acabado, ese gozo visual, táctil e sensual que reve da epiderme porosa da pedra. E nesta estraña aperta entre pescador e peixe, hai como un algo de exuberante sometemento, de irreverencia respectuosa entre vencedor e vencido.
Dende as venus paleolíticas ata o Domador de congros de Jontxu Argibay, pasaron uns 30.000 anos, e moitos cambios, formais e funcionais na escultura. Dende unha función ritual-propiciatoria, máxica, funeraria ou relixiosa, ata a proclamación da fertilidade (e, modernamente, reivindicación feminista do rol da muller), sen esquecer un uso só decorativo ou estético. Neste caso, destinada a honrar a memoria dun ser querido, facela exemplar e eternamente presente, na medida en que invoca os sentidos, os sentimentos, as emocións, ou a forma de sentir e pensar. Por iso, coincidimos con Arthur Danto cando define a arte conmemorativa como «beleza funcional». Memoria, gozo, amor e recoñecemento: o ADN do mar feito carne e granito.