Alberto García: «O reto é que se entenda a cultura como un dereito, non só como un recurso»
BARBANZA
Analiza nun libro a situación do sector e o novo ciclo que se está abrindo
25 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Leva cinco anos percorrendo Galicia para analizar a situación da cultura e para espertar unha reflexión sobre o camiño que deben seguir os profesionais do sector. Froito do traballo realizado, Alberto García, técnico municipal en Boiro, vén de publicar A cultura é un dereito, un libro que este venres presentará no pazo de Goiáns, coincidindo coa cita mensual da asociación Barbantia.
—Como xurde este volume?
—O libro é o resumo de cinco anos de traballo en colaboración coa Deputación da Coruña. Ao longo dese tempo fixéronse 15 xornadas de reflexión sobre o oficio, a forma de traballar e as tendencias. Xa no 2018, cando comezou o proxecto, entendiamos que o ciclo estaba cambiando, pois viñamos duns anos nos que se falaba de industrias e produtos culturais, entendendo a cultura como parte do sector económico. A partir de entón empeza a entenderse novamente a cultura como un dereito. Despois chegou a pandemia e propiciou a introdución de cambios. Empezamos entón a reflexionar en como había que traballar a partir de aí. Todo ese proceso está recollido no libro a través dunhas xornadas polas que pasaron 150 persoas.
—A que conclusión chegou ao longo de todo este proceso?
—Creo, ou polo menos gustaríame crer, que hai un cambio de tendencia, que se está volvendo a entender a cultura desde unha perspectiva humanista, de dereito cidadá. É certo que ten un papel a nivel de ocio, de turismo, de economía... pero todos se poden complementar e nós temos que mirar polo equilibrio, porque o valor social non se esqueza. O cambio que está en marcha, o ciclo que se abre, terá máis en conta a cultura desde o punto de vista social, e non só a nivel de acceso, senón tamén de produción. Non só hai que defender o dereito á cultura, senón tamén o dereito a participar na cultura. Ese é un valor que en Barbanza está moi instaurado, porque o tecido asociativo é moi importante.
—Cal é a realidade actual?
—Na pandemia falouse moito da cultura como ben esencial e a xente entendeu que era así, pois foron moitos os cidadáns que fixeron e difundiron contidos culturais. Hai moitas actividades que nacen do pobo e a xente non está disposta a renunciar a elas. Iso pode ser a base para que o paradigma dos dereitos culturais sexa entendido e asimilado.
—Chegados a este punto, cal é entón o reto?
—O reto é que se entenda a cultura como un dereito, non só como un recurso. Como dereito público que é, ten que estar garantido; as Administracións teñen que favorecer o acceso, pero tamén a participación. Sempre poño un exemplo con algo que non é comparable, pero cando a sanidade se quere entender como un recurso económico ábrese o camiño da privatización, mentres que se é un dereito, o Estado ten que garantilo. Coa cultura tamén é necesario que se poñan todo os medios para preservala e potenciala.
—Aparece tamén este análise reflectido no libro?
—No libro hai un resumo das 15 xornadas de reflexión e hai unha ducia de artigos feitos especificamente para a ocasión. Eu asino un deles, no que falo da cultura cidadá e da participación social, un dereito que me parece fundamental manter. Logo, hai outros xestores que analizan temáticas diferentes co fin de actualizar a nosa acción profesional. Está claro que non podemos traballar igual ca hai 15 ou 20 anos. Por iso, o libro é unha ferramenta para poder reflexionar sobre a nosa acción profesional para determinar se está ou non adecuada aos tempos. Paréceme importante esa participación de profesionais galegos, pois aquí hai proxectos e traballadores moi valiosos, pero poucas veces escriben sobre o tema.
—Ese proxecto que emprendeu coa Deputación segue en marcha?
—Si, as xornadas están a ter continuidade. O libro é un resumo das 15 primeiras, pero xa houbo máis; o que aínda non está claro é se, co tempo, tamén este volume terá segunda parte. O proxecto vai estar presente en Culturgal, onde tamén imos facer un acto de presentación deste mesmo libro.