Nosa nai, na escola dos soños

Gonzalo Trasbach
Gonzalo Trasbach (IN) SOMNIUM

BARBANZA

KOPA

22 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Nosa nai nunca foi á escola. Non sabía escribir, mais si ler. Cando tiña que asinar algún documento puña coma rúbrica sobre o papel escrito o dedo polgar dereito. Neste tiña incorporada a tinta, unha fina rengleira de terra negra que xa de nena se lle coara debaixo da unlla cando rastrillaba na horta. Agochóuselle alí porque non quería pasar as noites á intemperie, ou quería durmir ao quente, como di, ou algo parecido, nun poema Olga Novo.

Nosa nai naceu nunha casa labrega. De nena coidouna unha tía. A irmá do seu pai estaba solteira. Vivía nunha casiña cunha hortiña na parte traseira, preto da súa casa paterna, no lugar do Espiño. Coidou da nena até que esta casou. Nosa nai nunca lle deu importancia a ter terra debaixo das unllas. Xa desde rapaza, mentres aprendía a aprezar a dura beleza do pedernal e do xeixo, adiviñou que non estaba destinada ser unha señorita, senón a traballadora dona dun mariñeiro, ao que coñeceu máis tarde, cando este ía á escola de noite para aprender a escribir, ler e facer as catro operacións elementais. Namentres o seu futuro esposo asimilaba as cuestións básicas da ensinanza, a nosa nai pasaba as horas da noite na escola dos soños. Alí alimentaba e intuía a idea dun futuro distinto para cada un dos fillos que algún día tería.

Nosa nai nunca tintou as unllas das mans, e menos as dos pés. Nin sequera o día do seu casamento: en tal data acudiu á igrexa de Abanqueiro mesmo sen pintar os beizos. Ela naceu no 1908. Tiña 19 anos cando maridou co Caneo. Pariu sete fillos, dous durante o tempo que durou a nosa guerra fratricida. Até onde nós sabemos, nosa nai foi sempre muller dun só home: o noso pai; pero ninguén comprobou se chegou virxe ao matrimonio. E iso que para entón xa realizara máis traballos pesados que días tiña vivido. E ao mesmo tempo xa arrastraba unha asma crónica que lle pesaba coma unha lousa no peito. Nunca soubemos se a cortexou ou non algún pretendente, mais si nos teñen contado que o seu mariñeiro antes de mocear con ela ennoviara cunha veciña, pero a relación non callou en cousa seria.

A pesar do seu suposto analfabetismo, nosa nai falaba varios idiomas. Coñecía a linguaxe das plantas e das flores (mimaba con enorme cariño as cachopas das azucenas ou lirios de outono) e das hortalizas. Tamén a das árbores froiteiras e a dos animais, cos que podía ser tenra á vez que un pouco desalmada cando se enrabexaba. E, de igual xeito, gustaba da harmónica música dos paxaros e tocaba a buguina cando vendía as xoubas, que pescaba o Caneo, polas aldeas. A nosa nai era quen de enfiar unha agulla baixo a tremente luz dun candil oxidado pendurado dunha parede sen recebar. Enfiaba na penumbra. E mentres ti lías os cómics con aquela luz cativeira, ela zurcía un remendón nas nádegas dos teus pantalóns de maón.

Aquela sabia ignorante facía marabillosamente ben outras moitas cousas. E tamén calcetaba mentres vixiaba as potas que estaban ao lume na lareira ou na cociña de ferro. Nunca paraba de calcetar, nin de facer gancho, pois tiña moitos fillos de diferentes idades. Era ademais unha grande adiviña. Xa por aqueles afastados tempos, imaxinou que arestora estaría escribindo á man cun bolígrafo encarnado, e lendo en branco e negro, como agora mesmo, só para honrar a súa memoria, a súa lembranza estampada nunha fotografía color sepia. Din que as homenaxes deben ser anónimos e silenciosos, máis nós lembrámola neste sinxelo escrito. Si, ela nunca calzou zapatos de tacón alto. No inverno, quentaba os seus longos pés dentro duns zocos de madeira de ameneiro que lle fixera o seu irmán. Ela coidaba destas zocas tanto coma se se tratase das azucenas de setembro. Nosa nai non sabía escribir. Pero descifraba un ceo sen estrelas. Nós vivimos no seo da nosa nai, e agora ela durme na proa do racú do noso recordo.