Álvaro Ordóñez, un rianxeiro que adestra aos algoritmos do futuro

Laura Ríos RIBEIRA

BARBANZA

CEDIDA

O barbancés é enxeñeiro informático e recibiu un premio internacional pola súa tese de doutoramento

15 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

É unha lembranza moi común entre todas aquelas persoas que nos anos 2000 xa tiñan uso de razón. Por unha banda estaban os nenos que ían a clases particulares para aprender a debuxar ou tocar instrumentos e, por outra banda, estaban aqueles aos que os seus pais os mandaban a informática. Daquela a cousa non era moi complicada, pois se o rapaz lograba abrir un documento en branco e escribir un par de palabras ou entrar nunha páxina web, xa se consideraba que tiña un nivel de manexo de computadores máis que aceptable.

Naqueles tempos nos que a palabra tableta era asociada antes ao chocolate que a unha pantalla lixeira coa que ver series en Netflix foi nos que Álvaro Ordóñez empezouse a preguntar ata que punto podía automatizar as cousas. Se ben agora con 30 anos non sabe definir moi ben se o fixo por preguiceiro ou por intelixente, o certo é que buscar a maneira de axilizar a recollida e organización de datos acabou converténdose no seu traballo.

O rianxeiro aínda lembra ben un dos seus primeiros contactos coa tecnoloxía, no que a gran protagonista é a súa irmá pequena: «Ela veu correndo cara min a dicirme que o noso pai comprara unha máquina de escribir, pero como que unha máquina de escribir? Efectivamente, papá comprara un ordenador, o primeiro que tivemos na casa».

Foi aí onde comezou a facer un seus primeiros experimentos, movendo elementos pola pantalla e mesmo aventurándose a lanzarse á creación dunha páxina web, a do bar do seus pais O Berberecho. «Penso que foi unha das primeiras dun negocio de Rianxo», di entre risas. Máis tarde chegou a época do instituto, na que sempre tivo claro que quería ser enxeñeiro informático.

Puro sacrificio

Din que quen a segue a consegue e se foi o caso de Ordóñez, cuxas boas cualificacións o fixeron interesarse polo mundo da investigación cando entrou en cuarto de carreira na Universidade de Santiago de Compostela. Pronto chegaron o Traballo de Fin de Grao, o mestrado en Tecnoloxías de Análise de Datos Masivos Big Data e un doutoramento, que o fixeron decatarse de que o seu sitio no mundo era estar diante dunha pantalla pero sempre mirando moito máis aló.

O seu importante esforzo persoal levouno a ser galardoado co premio á mellor tese de teledetección do 2021. O recoñecemento outorgoullo o capítulo español do Institute of Electrical and Electronics Engineers unha asociación global de enxeñeiros dedicada á normalización e desenvolvemento de áreas técnicas.

Mentres o resto da humanidade se está preguntando que é un algoritmo e como o seu uso vai cambiar a sociedade, el leva anos adestrando a este tipo de programas para que sexan capaces de recoñecer imaxes hiperespectrais.

Pero que son? Pois son fotografías comparables ás que pode facer calquera teléfono móbil pero cunha particularidade adicional: captan aquilo que é invisible para o ollo humano. «Recollen un espectro máis amplo de información», explica de maneira moi simplificada o tamén profesor da USC.

Detectar cambios

Estas poden ser utilizadas, por exemplo, para tarefas relacionadas coa medicina, como a detección de melanomas na pel, ou para identificar a flora que habita as beiras dos ríos galegos e analizar a súa evolución ao longo dos anos ou as diferentes estacións.

As instantáneas son tomadas por un dron que percorre a comunidade autónoma e que despois envía información a un ordenador para que este a procese. Aí é cando entra o barbancés, cuxo traballo consiste en automatizar este proceso adestrando aos algoritmos encargados de organizar o enorme volume de datos que lle vai chegando.

O experto diferenza estes programas da intelixencia artificial deixando claro que as IA non só recollen e clasifican documentos, senón que aprenden deles e os utilizan en función das instrucións que se lles dean: «Aínda así, non se pode dicir que son comparables a un ser humano».

Indica que é importante que se faga pedagoxía coa poboación, tanto con todo o relacionado coas novas tecnoloxías coa coas ciencias en xeral, pois só así se lles poderá dar a suficiente relevancia social: «É bo que a xente saiba o que se fai cos seus impostos e vexan os logros que se van acadando».