Ramón Lago, xefe do GES de Muros: «Cando alguén que dabas por morto che agradece o teu traballo é moi reconfortante»

Christopher Rodríguez
CHRISTOPHER RODRÍGUEZ RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Ramón Lago pon en valor a profesionalidade de todos os traballadores do GES de Muros.
Ramón Lago pon en valor a profesionalidade de todos os traballadores do GES de Muros. MARCOS CREO

Destaca que necesitan máis persoal para atender seu volume de emerxencias

01 oct 2023 . Actualizado a las 13:07 h.

Experto no territorio que o rodea e que o veu nacer. Persoa comprometida co benestar da bisbarra e dos seus veciños. Un home dedicado dende ben novo a función pública. Ramón Lago, coñecido por todos como Jabecho, non necesita presentacións na área muradana. Nacido na parroquia de Louro, leva ao mando do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Muros dende a súa creación no 2013. Antes formaba parte da Protección Civil, pero o nacemento deste servizo de emerxencias marcaría a súa traxectoria a nivel profesional.

—Xa pasou unha década dende que se creou o GES de Muros, que sería da zona sen o servizo?

—Na área que levamos, que engloba aos municipios de Muros, Mazaricos, Carnota e Outes é un servizo moi importante para todos os veciños. Se non existise o GES de Muros cando houbese unha emerxencia habería que recorrer aos bombeiros de Santa Comba, Cee ou Boiro, que estamos falando nalgúns casos de desprazamentos de máis dunha hora. Nun incendio ou non accidente con atrapados ese tempo pode ser a diferenza entre a vida ou a morte.

O mundo das emerxencias é moi sacrificado. ¿Quítalle moito tempo o seu traballo?

—Si, quita horas. Eu saio dunha garda dun día enteiro e teño que seguir traballando. Por fortuna agora mesmo hai xente moi capacitada no equipo con formación e preparada para o que faga falta. Cando empezamos todos estabamos algo verdes e había un cúmulo de cousas que había que ir mellorando. A xente adquiriu experiencia e estamos ben, non temos ningún problema á hora de atender calquera tipo de incidencia. Ao final do día ves que se sacou o traballo e que se conseguiron logros. Iso é boa cousa.

Ten bos recordos destes dez anos entón.

—Si. Por exemplo, moitas veces acórdome de xente que vimos atrapada dentro do seu vehículo e que pensabamos que non ía saír adiante, pero consegues sacala. Cando alguén que dabas por morto che agradece o teu traballo é moi reconfortante. Iso pasou, tanto a min coma aos meus compañeiros. Non ten prezo.

—Malia isto... como é vivir tan de cerca a morte?

—Acabas por acostumarte. A desgraza vivímola todos os días, é algo que nunca nos sacamos da cabeza. É moi raro que non pase algo nun ano. Este mes mesmo tivemos que vivir a morte de dúas persoas en Carnota a raíz dun incendio. Sempre hai algo. Despois cando pasas polo sitio no que pasou sempre te acordas, aquí coñecémonos todos. Cando nos chaman por un accidente con atrapados ou con vítimas sempre pensas que pode ser alguén que ti coñeces.

Como evolucionou o servizo nestes dez anos?

—En moitas cousas. Melloramos os vehículos e practicamente todos os medios materiais. Agora contamos con equipos de excarceración, lanchas, moto de auga, camións novos... Niso mellorouse moitísimo. Cando se empezou fixémolo cun camión e con outro que nos prestaran os de Carnota.

Ainda así, que cousas se poden mellorar?

—Falta persoal. O que máis pedimos agora é ter máis xente. Somos doce e cando alguén está de baixa ou de vacacións quedamos en cadro, ese é o problema. Atendemos catro municipios moi amplos. Por sorte ata o de agora nunca demos o servizo de baixa.

E como manteñen o servizo cando hai estes problemas?

—Estando sempre. Activos as 24 horas. Iso faise dobrando quendas e con moito compromiso e esforzo para non fallar ningún día aos veciños.

Canta xente necesitarían para dar a volta a esta situación?

—Unha persoa máis por grupo. Normalmente temos catro grupos de tres, para que sempre como mínimo haxa tres profesionais. Creo que o necesario sería ser dezaseis en total para poder facer catro grupos de catro e estar máis liberados. Non hai que esquecer que imos a todo tipo de incidencias. Accidentes, incendios, animais mortos... Somos persoas para todo.

«Facemos as mesmas labores que un parque de bombeiros»

Aínda que no papel non sexan un parque de bombeiros, os profesionais do Grupo de Emerxencias Supramunicipal realizan o traballo que noutros municipios da área está a altura tan só destes profesionais. Para isto, fórmase constantemente en todo tipo de cursos e actividades para mellorar o seu desempeño, algo que Ramón Lago destaca coma unha das grandes calidades do servizo que capitanea.

Como é a formación dun profesional do GES de Muros?

—A nosa preparación é continua. A Agasp sempre saca cursos para que o que queira se forme. Non son obrigatorios, pero todos aquí están comprometidos coa aprendizaxe. Van a tope.

No servizo teñen especialistas en todo tipo de emerxencias.

—A verdade é que si, hai algo de todo. Temos xente especializada en socorrismo, outros expertos en rescates con cans... e despois están os que somos soldados rasos (ri). O importante é que profesionais somos todos. A nosa xente esta preparada ao nivel que o está un bombeiro, pero nós recibimos o nome de GES.

—Máis ou menos funcionan como un parque, non?

—Si, facemos as mesmas labores que un parque de bombeiros, pero temos algunhas competencias distintas. Por exemplo, os traballadores dun parque non teñen que acudir para retirar un golfiño morto varado na costa, pero nós si.

—Cando estaba en Protección Civil imaxinábase podía chegar a tal nivel de profesionalización?

—Sinceramente nunca o imaxinara. A min cando a alcaldesa que estaba nese momento mo propuxo aceptei sen pensalo. O certo é que dende o comezo déronme marxe para poder traballar e nunca me puxeron trabas sobre como facer as cousas. Sempre fun obrando segundo o que a min me pareceu correcto e sacando adiante o que ía vindo. Nun traballo coma este sabes que todo o mundo che coñece, tanto como para o bo coma para o malo. Por sorte deuse ben. Agora contamos cun equipo moi profesional que fai que sexa todo máis doado e que se traballe con moita máis tranquilidade.