A ciencia dos santos

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

«Estes días de Nazareno vin á xente da Pobra cunha tremenda confianza no erro das previsións meteorolóxicas: ao Nazareno non lle gusta pasear baixo a chuvia»

20 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha vez entrevistei un vello carpinteiro palmeirán sobre a Santa Compaña. Nun momento, el díxome: «Mira, eu en Deus non creo, pero en San Benito si. San Benito existe seguro!». A razón, como é habitual no Barbanza, foi a curación dunha molesta verruga en tempo récord, apenas ao volver de Seráns.

San Benito non só é efectivo, tamén é efectista. A crenza daquel venerable señor nos poderes do Alén era, polo tanto, profundamente empírica e mesmo diría científica, porque el mesmo chegou a contarme que recuncou con outra verruga, bastante menos molesta, movido pola pura curiosidade de se o experimento podía ser replicado.

E aínda que, ao meu ver e ao dos contos tradicionais, xogaba un pouco con lume e a paciencia do santo, San Benito colaborou co avance da ciencia e tamén resolveu o asunto nesa ocasión.

Estes días de Nazareno vin á xente da Pobra cunha tremenda confianza no erro das previsións meteorolóxicas: ao Nazareno non lle gusta pasear baixo a chuvia. Seica foi Nicolás Garrido, anterior párroco, quen expuxo a teoría: cando menos desde os tempos do rexedor Xoán de Liñares, non chove durante a procesión. Porén, é recomendable poñerse a refuxio en canto a imaxe volve pola porta da igrexa, se o tempo ameaza.

Pensaba no asunto o domingo, no vermú posterior ao acto relixioso, cando o ceo parecía caer sobre as nosas cabezas coa rabia contida de quen foi contido, coma nun encoro, mentres as caixas dos mortos camiñaban por Díaz de Rábago. A ver se ao final todo isto vai ser ciencia.