
Outro dos atractivos da terceira xornada é o baile e romaría que terá lugar no paseo da Ribeira e que terá animación musical
10 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.As festas avanzan en Rianxo e xa van alá tres días. Queda aínda moito camiño por percorrer porque as celebracións da Guadalupe non fixeron máis que comezar. Hoxe é unha xornada de gran importancia para un pobo que, como o rianxeiro, vive da actividade pesqueira e marisqueira. Os veciños renden tributo á Virxe de Guadalupe. Precisamente, os actos dedicados á Moreniña acaparan o programa da mañá deseñado pola comisión de festas. Todo o pobo está implicado e tanto no desfile como na procesión hai unha forte carga emotiva. Pola tarde, a música volverá a tomar as rúas e hai propostas para todos os públicos, só é preciso querer aproveitalas.
10.00. A Banda Ateneo de Negreira será a encargada das alboradas coas que se indicará aos veciños que chegou o momento de poñerse en marcha. Compartindo ese labor cos de Negreira, estará tamén a Banda de Gaitas Buxaina de Taragoña.
12.00. A capela da Guadalupe acolle ao mediodía unha misa solemne na honra da Virxe Moreniña. Estará cantada pola coral Abraira e o adro engalanarase cunha alfombra floral elaborada por Ondiñas Mainas. Non debe esquecerse que Rianxo ten una forte implicación na realización de tapices florais e que membros do municipio teñen participado na súa confección en xornadas tan sinaladas como o Día de Galicia, en Compostela.
13.00. Rematada a eucaristía, chega o momento da procesión marítima. Solemnemente, a imaxe será embarcada. No desfile da Virxe de Guadalupe participa tamén o colectivo Amantes do Traxe Galego. De igual xeito, colabora a confraría de pescadores e asociacións mexilloeiras. Como manda a tradición, durante o percorrido polo mar farase unha parada para lanzar coroas de flores ao mar e lembrar aos mariñeiros falecidos..
18.00. A praza da Igrexa acollerá un concerto a cargo da Banda Ateneo de Negreira. A cita conta coa colaboración da Escola de Música de Rianxo e forma parte do programa Alicerce da Rede Cultural da Deputación de A Coruña.
19.00. O Grupo Soprano encargarase de animar un baile-romaría que se levará a cabo no paseo da Ribeira. Os veciños teñen unha boa oportunidade para xuntarse e seguir quentando motores. O importante é que haxa animación de xeito continuado.
20.00. Continúa o baile, neste caso na praza da Igrexa e coa presenza do grupo tradicional Vai de Roda. Outra boa ocasión para aqueles que gustan de bailar e divertirse con amigos e familia.
22.00. Non para de soar a música nas rúas de Rianxo. Tralas actuacións de corte tradicional chega a verbena, que non pode faltar en ningunha celebración que se leve a cabo na bisbarra. Dúas son as orquestras que se encargarán de que a xente mova o esqueleto. Serán Atenas e Saudade. Os seus integrantes encargaranse co seu espectáculo de que a festa continúe moito tempo máis.