O premio Carlos Mosteiro de literatura infantil consolídase e alcanza a súa sexta edición
BARBANZA
O gañador levará 3.000 euros e a publicación da súa obra pola Editorial Galaxia
05 sep 2023 . Actualizado a las 15:54 h.Cunha traxectoria sempre en ascenso, o premio Carlos Mosteiro xa é un referente nos certames de literatura infantil da comunidade, posto que cada ano son máis os autores que concorren a esta iniciativa impulsada polo Concello de A Pobra, a asociación Barbantia e a Editorial Galaxia. Esta mañá anunciouse a súa sexta convocatoria, que volverá a contar cun premio en metálico de 3.000 euros, ademais da publicación da obra na colección Árbore e o reparto de exemplares entre los rapaces do municipio.
A concelleira de Cultura pobrense, Patricia Lojo, recoñeceu que é moi importante impulsar este tipo de iniciativas para fomentar a produción literaria e que desta maneira inculcar aos nenos o hábito da lectura. Neste sentido, recoñeceu que «é un orgullo para o noso concello a consolidación deste certame, que vai camiño de erixirse nun dos premios galegos de referencia da literatura infantil». Lojo tamén apuntou que estas propostas serven para afianzar o compromiso municipal coa cultura, e destacou que seguirán traballando «para eliminar o prexuízo de que a literatura infantil é unha literatura menor».
Nos mesmos termos falou a vicepresidenta de Barbantia, Isabel Santos, que recoñeceu que o público máis cativo son os lectores do futuro. Tamén aproveitou para lembrar ao compañeiro Carlos Mosteiro, unha persoa a que cualificou de insubstituíble. Ao acto tamén asistiron Lourdes Briones, viúva de Mosteiro, e Marcos Calveiro, director de edicións de Galaxia.
Prazo de admisión
Ata o próximo 1 de novembro estará aberto o prazo de presentación de orixinais, e as bases da convocatoria xa están colgadas na web do Concello. Non poderán optar ao galardón os autores que o gañasen en máis dunha ocasión, e o premio poderá quedar deserto se ningún dos textos acada a suficiente calidade.
Tres profesionais de recoñecido prestixio no mundo das letras conformarán o xurado, que emitirá o veredicto o próximo mes de decembro.