O grupo rianxeiro festexou os seus 90 anos de actividade cunha gran romaría en Asados
14 ago 2023 . Actualizado a las 13:20 h.Airiños é patrimonio cultural de Galicia, pero é sobre todo pobo, parroquia, a de Asados, onde naceu hai 90 anos e onde permanece, máis vivo ca nunca. O grupo de teatro afeccionado máis antigo do país festexou o seu aniversario cunha romaría na que se xuntaron máis dun cento de persoas de todas as idades que acreditan que a escena en Rianxo ten pasado, ten presente e ten futuro.
A xornada comezou cun roteiro guiado e teatralizado pola historia de Airiños, que é, á fin e ao cabo, a historia de Asados. Os inicios no ano 1933 na casa dos Carreteiros, sede do Partido Galeguista; a pausa forzada que supuxo a Guerra Civil; as obras en galego rescatadas da queima dos falanxistas por Ramón Pimentel; a clandestinidade e as veladas privadas; a censura que lograron esquivar para seguir representando no idioma de Castelao; a resistencia e a rebelión que puxo ao grupo no punto de mira do franquismo; a morte do ditador e o rexurdir dos anos 80 e 90...
É a historia dos Pimentel, dos Rodríguez, dos Muñiz... Apelidos que, como se puxo en valor durante o roteiro, estiveron nos inicios do grupo e seguen estando a día de hoxe, grandes sagas de artistas que demostran que Asados é escena e cultura. É a historia de lugares, como Asadelos, a Veiga, o Agro da Eira, a Atalaia, Suigrexa... Sitios todos que percorreu unha ruta na que se contaron divertidísimas anécdotas de Airiños, porque 90 anos dan para moito.
As anécdotas
Falouse daquela vez que unha das gradas foi abaixo durante unha velada polo peso da xente; daquelas primeiras funcións no cine e os rapaces que gabeaban pola parede para colarse polas ventás; de como trampeaban a venda de entradas para sacar un peso; daquel galo que foron mercar para unha chaprada que morreu co susto, pero comérono igual, que eran anos difíciles e non estaba a cousa como para andar con moitos miramentos; das despedidas dos que tiveron que deixalo todo atrás para emigrar a Arxentina; ou daquela vez que veu Televisión Española gravar un documental e no medio da noite un incauto veciño confundiu aos actores disfrazados de esqueletos que estaban no muro do cemiterio con seres sobrenaturais e escapou a fume de carozo.
Mil e unha historias que tiveron de propina un monólogo de Quico Cadaval, encargado de dar o pregón, porque nunha festa que se prece non pode faltar un discurso inaugural. Falou ata da orixe etimolóxica da escena, para concluír que desde a antigüidade clásica «ata a fundación de Airiños hai pouca historia do teatro».
E antes da comida, outro dos momentos emotivos do día: a entrega de agasallos a tres persoas que son historia viva de Airiños: Dolores Rodríguez Sende, filla dun dos fundadores do grupo e que participou nas primeiras representacións, en 1935; a súa irmá Carmen, que forma parte de Airiños desde cativa; e Ramón Agrelo, que formou parte do elenco xa na década dos 40.
Logo chegou a comida, unha reunión de confraternidade na que arredor da mesa se xuntaron veciños de todas as idades para compartir polbo, churrasco e brindes.
Non faltaron, xa pola tarde, a música e a poesía de Esperanza Mara e Esther Carrodeguas, nin as actuacións do elenco de Airiños, nin as risas a escachar coas gatas de Merche e Ramona, nin as cancións recitadas de Aldaolado, nin a reivindicación.
Porque foi unha festa para reivindicar o teatro e a cultura feitos desde a base, para reivindicar a lingua e o espírito do pobo, para reivindicar Asados como capital do teatro... E para festexar que 90 anos non son nada e Airiños vai a polos cen. Viva Airiños! Viva o teatro!