Xabier L. Marqués levou á Pobra a súa poesía intelectual e moi traballada

Francisco Brea
f. brea RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

O autor presentou, da man de Barbantia, o seu libro «Os luídos do manancial»

01 jul 2023 . Actualizado a las 20:01 h.

O Museo Valle-Inclán da Pobra foi o escenario da presentación do libro Os luídos do manancial, de Xabier L. Marqués, e tamén dun novo número do suplemento A Voz de Barbantia. Tras un breve saúdo da concelleira de Cultura en funcións, Patricia Lojo, interveu a vicepresidente da Asociación Cultural Barbantia, Isabel Santos, quen falou do autor e da súa traxectoria poética. A continuación, foron Antonio Piñeiro e Xesús Laíño os que conversaron con Marqués sobre o texto.  

Contestou o poeta sobre a metáfora da auga, presente no título e no seu primeiro libro, do ano 2000, dándolle o significado de útero, orixe, fonte de vida, e de creación. Sobre luír, asegurou que colleu a palabra do verbo esluír, sinónimo de disolver e diluír. «A auga como manancial de vida que, ao tempo, vai ferindo, gastando, puíndoa», apuntou.

Experimentación

Sobre o sentido da súa creación, Marqués dixo que fuxía da poesía obxectiva que, sen embargo, non ignora o persoal, mais sen ton confesional. Antonio Piñeiro gabou a experimentación, a densidade e «o profundo traballo que ourive do poeta». Pola súa banda, Xesús Laíño destacou que esta obra permite aos lectores «mergullarse no acto mesmo da creación poética, convertendo a lectura nun acontecemento».

No diálogo, o escritor sinalou o profundo «amor e respecto» pola lingua galega e, a un tempo, a súa liberdade para recreala. Tamén respondeu sobre a estrutura bipartita do libro: «A primeira parte, máis descritiva e a segunda, unha presentización e galeguización do mito de Ofelia». Engadiu que á morte literaria uniuse, durante a escrita da obra, a morte dun familiar, o que deu un ton diferente á parte final.

Coincidiu Marqués cos seus compañeiros de mesa en que a súa é unha «poesía intelectual, densa e moi traballada». Resaltou a influencia permanente do alemán Paul Cela, o «poeta hermético por excelencia», mais tamén o seu interese polos textos obxectivos de Francis Ponge.

A poesía, lembrou Xabier L. Marqués, «enfróntanos ao descoñecido, lévanos ás marxes, alén do acoutado. Así mesmo, a estrutura fragmentada dá outra dimensión á lectura, amosa as crebas, as fronteiras, as físgoas que non poden levar ao absurdo, ao fracaso, á ferida».