Nando Llon, artista: «Fago música para alegrarlle a vida á xente»

Laura Ríos
Laura Ríos RIBEIRA

BARBANZA

CEDIDA

O cantante acaba de sacar o seu último tema para o verán, «Galicia de festa»

08 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando fala ten ese toque inconfundible do acento ribeirense, máis en concreto de Aguiño, parroquia que Fernando Peón ou, mellor dito, Nando Llon, leva ata no nome. «Cando era rapaz todos os colegas nos chamábamos llon un ao outro, e ao final acaboume quedando», declara.

O músico síntese tan unido á fala característica desta zona que incluso a leva ás súas cancións, nas que o seseo e a gheada son parte principal da peza e unha efectiva vía de conexión co público: «Co galego conectas con todo o mundo, compoño como eu falo porque me sae máis natural e iso á xente gústalle”.

A carreira de Nando non despega, como moitos cren, cando estreou Chejou o vrán, que conseguiu petalo nas redes sociais grazas a toda a xente que o usaba para subir historias de Instagram cando ían á praia ou tomaban algo. Se non que arrancou moito antes, cando o barbanzano só tiña 15 anos e comezou a actuar nas orquestras como baixista. «Empecei cando aprendín a tocar e despois fun ao conservatorio e varias escolas de Santiago para perfeccionar a técnica».

Explica que traballar de noite a tan curta idade deulle moitas experiencias inesquecibles, así como a posibilidade de empezar a vivir do seu: «O bo era que podía botar unha man na casa e empezar a ter o meu soldo». Sobre o traballo que hai detrás de cada espectáculo, apunta que moitas veces a xente non é consciente das interminables xornadas de ensaios e probas de son necesarias para darlle contido e unha estética potente ás actuacións.

A parte de colaborar profesionalmente con varias orquestras, o ribeirense empezou a súa carreira en solitario no ano 2017, cando sacou ás rúas Chejou o vrán, Este tema marcaría a tónica dos posteriores, cos que Llon busca animar ao público a botar uns bailes: «Fago música para alegrarlle a vida á xente, para pasar a noite gozando e deixando atrás os problemas cotiás».

Autoprodución

Dende hai seis anos, loita por facerse un oco no mundo da música, por iso aposta por producir no seu estudo, bautizado como Lloubeats, os seus propios temas. «Teño un sitio propio e aí é onde gravo voces e instrumentos, é un proceso que leva meses, pero quero que todo soe o mellor posible».

Ao dispoñer destas instalacións no seu domicilio, o barbanzano esforzouse durante o confinamento para sacar un sorriso a amigos e familiares e facelos participar no videoclip da canción Coronarrumba, coa que quixo poñer un pouco de esperanza a aquela complicada situación. Despois diso chegou Quero saír de festa, un single no que expresou as ganas de moitos de volver a gozar de celebracións sen restricións.

Unha das súas mellores experiencias como cantante xorde dese lanzamento, que o levou a ser un dos máis escoitados nunha radio especializada en verbenas. A emisora celebrou uns premios en Lugo onde lle concederon o galardón de artista revelación. «Foi moi emocionante, toquei alí e a xente acercábase para pedir fotos ou felicitarme polo tema».

O músico explica que todas as súas cancións teñen un compoñente humorístico aínda máis patente nas actuacións, nas que adoita ir vestido cunha vella bata de cadros da súa avoa ou cunha saia escocesa e zapatillas de andar pola casa. «O importante é que a xente o pase ben, a min gústame rirme de min mesmo».

Novedades

As ganas de crear do ribeirense son imparables, pois nin o traballo nin o cansanzo poden con elas. Por iso, hai un mes que estreou Galicia de festa, xunto con Laura Añón e Pedro Mora, e xa está pensando nos próximos hits. «Era un proxecto no que xa estaba traballando hai tempo e que puido completarse coa colaboración de dous artistazos».

Dentro de pouco verá tamén a luz Pa o ano déixoo, unha canción coa que o ribeirense pretende poñer sobre a mesa todas as situacións inxustas que viven os músicos e das que non se adoitan falar «como cando vas a unha actuación e non cha pagan». Igualmente, non descarta sacar outro sobre o Camiño de Santiago cara o mes de setembro.