A poesía e o facer artesán entrelázanse no último traballo de Eva Veiga

Celia Riande García
CELIA RIANDE RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Antonio Piñeiro, María Xesús Blanco, Manuel Ruiz, Eva Veiga e Isabel Santos, durante a presentación.
Antonio Piñeiro, María Xesús Blanco, Manuel Ruiz, Eva Veiga e Isabel Santos, durante a presentación. MARCOS CREO

A editorial Bourel, de Antonio Piñeiro, publica 50 pezas únicas feitas a man

28 may 2023 . Actualizado a las 09:54 h.

Está claro que, cando se unen contido e forma, o resultado non pode considerarse doutro xeito que non sexa unha obra de arte. É o caso do libro Mansío, publicado pola editorial Bourel, da que é responsable Antonio Piñeiro, e os poemas da gran Eva Veiga, que foi presentado nun traballo conxunto no acto mensual da Asociación Cultural Barbantia.

Esta obra, que conta con apenas 50 exemplares, é unha auténtica peza de artesanía, na que os versos de poetisa vense plasmados nunha auténtica alfaia, na que todo o proceso de creación, dende o pregado das follas, o pintado, a intervención plástica ou o cosido e encadernado, foi feito de xeito manual polo propio Piñeiro, convertendo esta obra nun absoluto libro de artista.

Neste sentido, Antonio Piñeiro foi o encargado de abrir o acto, reflexionando sobre o proceso de creación destes exemplares limitados de Mansío, referíndose a eles como «unha sintonía de emocións e sensacións» sobre a idea dun cardume de peixes: «Mesturei un pouco de mitoloxía, de iconografía esencial, minimalista, con recursos como pode ser o colaxe ou a pincelada rápida, nun traballo conxunto con Eva Veiga».

Sobre a figura da poeta galega reflexionou Isabel Santos, vicepresidenta de Barbantia, e María Xesús Blanco, máxima representante da asociación, destacou a «calidade exquisita» das obras, sinalando o proceso «á par» de Antonio Piñeiro con Eva Veiga na súa elaboración e subliñando a figura do editor como «ilustrador, escritor e persoa fondamente interesada pola arte».

Levada polo mansío

Despois das distintas intervencións, foi Eva Veiga quen tomou o papel protagonista para recitar boa parte dos poemas que compoñen a súa nova obra, que recibe o nome de Mansío polas ideas que inspiran os seus versos: «O título fai referencia a como vai a humanidade dese xeito, como o mansío, que nos une. Eu penso que é a linguaxe. Levada polo cardume, querendo sen querer, acabei reflexionando sobre esta idea porque, segundo se retorzan as palabras, pódese pensar e sentir doutra maneira, e ese é o compromiso dun escritor».

Sobre a edición, Veiga quixo destacar a quen considera como «o verdadeiro autor do libro», Antonio Piñeiro, polo seu gran traballo: «Fixo unha labor de absoluto artesán, cunha perfección exquisita. Doulle as grazas por terme convidado a ir neste estoxo, porque iso é o que é realmente esta obra. Imos xuntos na idea pero nun diálogo que vai máis alén da propia ilustración, converténdose nun regalo para os cinco sentidos».

En canto ao recital, Veiga agradeceu enormemente a oportunidade de compartir as súas verbas co público, expoñendo aos asistentes o seu traballo e agradecendo deste xeito a todos os que formaron parte do proceso de elaboración e lanzamento de Mansío, que xa está dispoñible en 50 pezas únicas: «Recitar é o meu xeito de agradecer, é un ritual. É o modo de poñer en relación a poesía coa oralidade, coa súa orixe. Para min é fundamental, e por iso quixen que o acto pechara dese xeito, achegándome a Ribeira para expoñer a obra e as ideas que recolle do mellor xeito posible».