Novo poemario de López Marqués, con limiar de José Barroso. A palabra como obxecto en si mesma, como ferida en fragmentos, como porta do absurdo. Outra vez a reflexión sobre o acto da creación para beber do manancial: a auga como metáfora da creación e a lectura como un acontecemento da conciencia, pois as palabras, as verdadeiras, son sempre a columna do ser, o manancial que vivifica. É a conciencia como coñecemento, unha viaxe, pois, ao noso interior co ánimo de executar o signo. Unha procura da obxectividade no espazo, unha conciencia en acto creador. Só a verdade do texto. A cadencia, a ruptura, o fracaso para bater co descoñecido. É a linguaxe a protagonista, unha busca da poesía pura, mallarmeana, que se fai con palabras, non cos sentidos nin os sentimentos. Entremos polas físgoas á viaxe ao sentido profundo: «Todo ha estiñar ao nacer. Hase transformar» mercé ao manancial, a porta secreta ao amor e á morte. Un salto ao baleiro que nos lúe, nos desgasta. Vinte anos de busca nun poeta que comezou navegando Polos mares das améndoas (2000) ata chegar ás obras de madurez con Arró (2019) e este poemario, dun mundo dos recordos que «rillan na memoria» ata «un aquel de cheiro a eternidade insoportábel», á disolución da subxectividade.
«Os luídos do manancial»
Xabier López Marqués
F. Digital Bible (A Pobra, 2023)
150 páxinas