A caída da ditadura de Primo de Rivera en Noia

Xerardo Agrafoxo

BARBANZA

cedida

A nova corporación elixiu alcalde a Xermán Vidal Barreiro

27 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Malia que a ditadura do xeneral Primo de Rivera afrontou os grandes problemas do país (a orde pública, a cuestión marroquí e o malestar do exército), o réxime de excepción perdeu a oportunidade de retomar á normalidade parlamentaria e precipitou a súa saída ao fracasar no seu intento de combater os nacionalismos e non modificar as estruturas económicas dun Estado afectado pola Gran Depresión do 29.

A dimisión de Calvo Sotelo en 1930, o fracaso da Unión Patriótica creada polo sistema, as folgas nas universidades, as protestas dos sindicatos, prensa e intelectuais, o afastamento dos sectores que o apoiaron nas etapas iniciais (rei e banca) e a devandita crise económica, acabou por derrubar un sistema nacido do pronunciamento que apoiara Afonso XIII. O día 30 de xaneiro de 1930 o ditador facía pública a súa renuncia, e o 10 de febreiro saía rumbo a París. O 15 de marzo, Primo de Rivera falecía na capital francesa.

En Noia os cambios políticos non tardaron en producirse. Un mes despois da caída do réxime militar, a corporación municipal presidida por Ramón Mariño Neu era substituída por outra non dubidosa de complicidade co sistema anterior. Nunha sesión celebrada na casa consistorial o 25 de febreiro de 1930, o alcalde e o secretario do concello (Xosé María Vázquez Ulloa), proclamaban por Real Decreto de 15 de febreiro como novos concelleiros por orde de cotas tributarias a Antonio Tomé Carou, Anxo Pérez Morales, Xosé María García Godoy, Rodrigo Romaní Riva, Primitivo Trigo Pardiñas, Xaquín María Agra Cadarso, Ramón Mariño Neu e Xosé Baltar Cortés.

Seguidamente nomeouse, polo seu carácter de edís anteriores á ditadura, a Ramón García Malvar, Xermán Vidal Barreiro, Manuel Pérez Fernández, Filipe Túñez Fabeiro, Tomás Blanco Agrafoxo, Xenaro Blanco Roo, Arturo García Rudiño e Ricardo Abeixón Suárez. 46 días máis tarde, o 16 de abril de 1930, os concelleiros reunidos baixo a presidencia do alcalde interino Filipe Túñez Fabeiro elixían como novo rexedor o avogado Xermán Vidal Barreiro.

Principais obras

Durante o mandato deste rexedor o concello tratou de arranxar as principais rúas da vila, prolongar o Malecón de Gasset, espallar a luz eléctrica polo municipio e controlar os cobros da Eléctrica Xallas, crear unha banda de música, mellorar o pagamento das taxas mediante o emprego de persoal novo, comezar as obras da praza de abastos, ampliar o instituto de ensino elemental e medio e preocuparse pola situación das escolas da parroquia. Foi neste intre cando se proxectou a construción da ponte de San Lázaro (2 maio 1930), cando se colocaron as luces sobre o Malecón de Gasset para mellorar a inspección sobre os impostos (30 maio 1930) e creouse a Escola de Artes e Oficios, dirixida por Ramón Ceo Vilas (17 outubro 1930).

Restablecidas as liberdades baixo o goberno do xeneral Berenguer (xefe da casa militar do rei Afonso XIII), a vida política e social desenvolveuse no concello con normalidade.

O goberno local, conformado por liberais e conservadores, protagonizará esta lexislatura, mentres os partidarios do sistema anterior celebraban solemnes funerais en Santa María a Nova pola morte de Primo de Rivera.

Xermán Vidal, alcalde tras a caída da ditadura de Primo de Rivera