Queremos letras

BARBANZA

O Día das Letras Galegas non é o día para salvar a nosa cultura, senón o da nosa literatura

18 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha vez terminadas as celebracións do Día das Letras Galegas, sempre me xorde a dúbida de canto de efectiva foi a conmemoración, porque parece que para honrar ás nosas letras ten que haber un motivo, temos que atopar unha xustificación. Parece que celebramos as letras galegas porque, se non o fixésemos, correríamos o risco de desaparecer. Lémbrame moito aos argumentos que utilizan os alcaldes cando teñen que xustificar as intervencións no patrimonio cultural. Sempre é para outra cousa: para o turismo ou porque llo debemos aos nosos avós.

No fondo o que demostra é que actuamos un pouco de prestado. Coma se as institucións das que nos dotamos con moito esforzo tivesen que ser xustificadas co argumento práctico dunha supervivencia e non simplemente polo feito de que sexan unha parte máis dunha sociedade democrática e moderna.

E eu creo que non. Creo que a literatura galega tense que celebrar polo mero feito de existir. Porque é a celebración da creatividade e excelencia literarias e porque todo o que fagamos obrigados por un compromiso moral non vai funcionar. A ninguén lle gusta sentirse derrotado. E por suposto, a ninguén lle gusta que llo lembren continuamente. Hai que darlle unha gran volta a iso.

Nos últimos anos, as diversas academias galegas foron creando días da ciencia ou días das artes nunha clara mostra de que a nosa é unha sociedade madura. Por iso, o Día das Letras Galegas non é o día para salvar a nosa cultura, senón o da nosa literatura e así o deberiamos potenciar.