Xeotermia

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

«É a enerxía renovable máis eficiente que coñecemos e aprovéitase en calquera situación as 24 horas do día e os 365 días do ano»

16 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Axeotermia é o máis eficiente sistema de captación de enerxía para a calefacción e auga quente. Mediante o uso de bombas de calor e a axuda dun intercambiador, transmítese a temperatura do chan ás vivendas. No inverno, a bomba absorbe o calor da terra e libérao dentro do edificio, e no verán prodúcese o proceso contrario, absórbese a calor do edificio e transmítese ao terreo.

É a enerxía renovable máis eficiente que coñecemos e aprovéitase en calquera situación as 24 horas do día e os 365 días do ano, facendo que as emisións sexan cero —como pide a Unión Europea— e o consumo da casa sexa nulo, desfacéndose das facturas dos combustibles e da electricidade para sempre.

O maior problema que ten para uso individual é o custo de construción, xa que para unha vivenda unifamiliar de superficie media pode andar polos 30.000 euros. Hai que facer un furado de gran profundidade no terreo para captar esa calor e en moitos lugares, non hai terreo liberado para facelo, ou ben as máquinas para facelo non poden acceder. Penso nos centros históricos, penso nos edificios que ocupan toda a parcela.

Sendo o maior custo da instalación ese furado na terra, podemos pensar que cantas máis vivendas se apunten a esa prospección, máis barato sairá. Polo que para unha urbanización pode ser un sistema óptimo de captación de enerxía, con cero emisións e cero consumo posterior, e eses 30.000 euros poden baixar á cuarta parte ou menos. Para un centro histórico sería unha boa alternativa, que evitaría as placas solares ou o tráfico de camións de gasóleo polas rúas. Limpa e non molesta.