A Pobra gozará do Día das Letras Galegas cun mes de maio cheo de actos culturais

Laura Ríos RIBEIRA

BARBANZA

cedida

As actividades estarán dirixidas a pequenos e maiores e poñerán en valor a cultura galega, en especial ao homenaxeado este ano, Francisco Fernández del Riego

09 may 2023 . Actualizado a las 18:28 h.

Non chega cunha soa xornada para festexar a riqueza da cultura galega, por iso A Pobra celebrará o Día das Letras Galegas cun mes de maio colmado de actividades culturais coas que render homenaxe a Francisco Fernández del Riego, o escritor que protagonizará os festexos este ano.

Durante a presentación dos actos realizada este martes, a concelleira de Cultura, Patricia Lojo declarou que o intelectual «destacou pola súa produción literaria, artigos de opinión en numerosas cabeceiras e o seu papel no ámbito editorial» e explicou que nestas datas o que se busca é «pór en valor a nosa lingua, as nosas letras, a nosa identidade».

As actividades comezarán o vindeiro 11 de maio coa inauguración da exposición realizada polos pequenos do Pilar Maestu Que grandes as nosas cadrechiñas e cadrechiños! Homenaxe ós/ás Ilustradores/as de Contos Infantís, na casa da cultura Raquel Fernández Soler.

Ese mesmo día pola tarde os pobrenses poderán gozar da presentación do libro Entre Nós, de Emilio Castro e Carmen Fernández. Ao día seguinte seguirán os actos culturais cos nenos do Salustiano Rey, encargados da entrega de galardóns do V Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro.

O día 16 todos os pequenos da zona participarán na Procura das Letras Galegas, unha actividade destinada aos centros de primaria que levará a cabo o grupo Barafunda Animación e encherá as rúas e prazas da Pobra de literatura e arte.

Viaxe no tempo

O prato forte chegará o propio 17 de maio, e converterá o casco urbano, de 11.00 a 14.00 horas, nunha especie representación doutra época coa que poder ver de preto escenas costumistas, música, bailes, cantos e un desfile de traxes tradicionais a través de visitas guiadas e actuacións. Membros das asociacións Caramiñas, Eiradela, Arrancadeira, Xiada, Ruadiña e Museo Valle-Inclán farán do adro da Igrexa do Castelo, os Xardíns de Valle-Inclán, a praza de Maura, a praza Galicia, a praza Victoriano García Martí e a praza do Cantón da Leña unha experiencia próxima a viaxar no tempo.

Para seguir a celebración, Arrancadeira impartirá uns obradoiros de maios o venres 19. De 18.30 a 19.30 horas ofrecerase un taller teórico na aula de estudo situada na planta superior da biblioteca municipal, mentres que o práctico se efectuará no Cantón da Leña, de 19.30 a 21.30 horas.

O broche de ouro do programa virá marcado polo festival Bailando ás flores, de Arrancadeira, que tomará a praza do Cantón da Leña, praza de Maura, praza de Rosalía de Castro e Xardíns de Valle-Inclán o día 20, a partir das 19.30 horas.