A canción dos obreiros

BARBANZA

BERNARDO CODESIDO

29 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Eugène Pottier naceu en 1816, en plena revolución industrial, cando a máquina de vapor comezaba a substituír a man de obra e a clase traballadora vía perigar os seus postos de traballo. O mesmo ano no que se inventa o estetoscopio e se fan as primeiras fotografías. En pleno auxe da enxeñería e a tecnoloxía, que estaba entrando pola porta grande a unha velocidade devastadora, trocando a forza dos brazos pola das bielas.

Os obreiros comezan a manifestarse e agruparse en sociedades a fin de evitar os abusos e despedimentos masivos que se aveciñaban.

Nese entorno, mentres aprendía o oficio de seu pai, Eugène, con 14 anos, escribe un poema titulado Viva a liberdade. Pero axiña se decatará de que, para facer chegar eses versos, de temas sociais e reivindicativos, a máis xente, debe adaptalos á música das cancións populares. Así se vai formando como poeta cando o traballo llo permite.

Con 30 anos participa activamente nos movementos obreiros e dedica unha boa parte do tempo a debuxar estampados para teas, sen deixar de escribir poemas que acabará recollendo baixo o título de Cantos revolucionarios.

Tras a guerra franco-prusiana, créase a Comuna de París, da que chegou a ser alcalde dun dos distritos por votación popular, co fin de paliar as carencias sociais que provocara a guerra, abolindo os alugueres, permitindo que os obreiros xestionasen as fábricas que foran abandonadas e creando garderías para acoller ós fillos da xente traballadora, a fin de dar máis facilidades de emprego, pero tamén animando á participación de todos os cidadáns nas asembleas con voz e voto. Pero o goberno provisional non tardou en sacar as tropas á rúa para reprimir aquel intento de socialización, obrigando a Pottier a exiliarse, primeiro en Inglaterra e logo nos Estados Unidos, onde exerceu de profesor ata que unha amnistía, oito anos despois, lle permite volver a Francia con ánimos renovados no labor socialista. Deulle remate ós seus Cantos revolucionarios, que serán publicados en 1887, no ano da súa morte, nos que inclúe o poema A internacional, que escribira en tempos da Comuna de París, e que acabará sendo o himno obreiro que cada primeiro de maio percorre as rúas de todo o mundo.

Cinco anos antes, en 1883, Pottier presentárase con este poema a un concurso de canto, adaptándoo, segundo o seu costume, á música dunha canción popular, e acadará un segundo posto. Pero non sería ata a súa morte, cando o seu amigo Gustave Delory, dirixente socialista e director dunha coral de traballadores, lle pide ó músico Pierre Degeyter que lle poña música para poder incluílo no repertorio da coral que dirixe.

A peza foi estreada o 23 de xullo de 1888 pola Lira dos Traballadores, na taberna Liberté, de Lille, uns seis meses despois de morrer Pottier. Unha canción que axiña se converteu en himno dos obreiros e, anos máis tarde, cando triunfa a revolución rusa, tamén Lenin a converte en himno da Unión Soviética, ata 1944, en que foi substituído, pouco despois de modificar a constitución e de liberar ó país da invasión nazi.

A internacional, a pesares de que aínda hai países que a teñen prohibido por considerar que vai contra o sistema, posiblemente sexa a canción máis versionada do mundo, e tamén a máis traducida.