Airiños, a agrupación rianxeira que cumpre 90 anos facendo teatro para o pobo

BARBANZA

A compañía con base en Asados ten prevista unha variada programación para celebrar o seu aniversario
07 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.O histórico grupo de teatro Airiños, nado en Asados, en Rianxo, cumpre 90 anos de traxectoria conservando a súa esencia, baseada nun espírito comunitario e a reivindicación da lingua. Este aniversario é especialmente relevante porque, como indica Xesús Santos, director da compañía durante varios anos, «é o grupo de teatro máis antigo de toda Galicia», un mérito que apuntaría o xornalista de La Voz de Galicia Xoel Gómez nos 50 anos da compañía: «Nunca nos atreviamos a dicilo, pero el plasmouno no papel e ninguén reclamou, nin entón nin nunca, e agora levamos ese título con orgullo», conta Xesús Santos.
Pero ter sobrevivido ata o de agora non foi unha misión doada para Airiños, xa que nace no seo do Partido Galeguista no ano 1933, pouco antes de que comezara a Guerra Civil: «O grupo estaba formado pola mocidade galeguista. Empezou Ramón Pimentel, e naquel momento os nacionalistas non podían estar ao fronte de nada. El era novo, non estaba fichado e colleu a dirección ata os anos 80, cando empezou a democracia», explica Xesús Santos, quen nunca deixaría de formar parte da familia Airiños: «Dei un paso a un lado pero nunca colguei o hábito. Non podo desligarme, levo todas esas xeracións no recordo».
Programación
Con motivo do aniversario, o grupo de teatro ten programadas unha serie de actividades para celebrar 90 anos de historia. «Temos as veladas de primavera, que son mostras veciñais, están as funcións de República sideral, o noso último espectáculo, e en agosto temos programada unha andaina teatralizada pola parroquia de Asados contando a historia de Airiños e un xantar popular. Ademais, en outubro presentaremos As vellas non deben de namorarse, unha versión do clásico de Castelao con moitas voltas de argumento», explica Amantia Coello, quen leva as rendas da dirección actualmente.
Ademais, verá a luz o libro Airiños, 90 anos do teatro do pobo, editado pola Deputación, e estase a preparar un documental da man de Miguel Silva Conde. «A todos nos apetecía facer algo chulo, algo grande, e iso implica moito traballo, pero fainos moita ilusión. Ademais de ocio e entretemento, Airiños é algo máis. É un proxecto sólido, dinamizador da lingua, que move á xente», conclúe Amantia Coello.
En canto a como foi evolucionando Airiños dende o seu comezo, Mari Santos, presidenta da asociación, sostén que, malia o seu percorrido, a esencia continúa sendo a mesma: «Segue sendo un grupo baseado na lingua, comunitario, con base en Asados e os seus veciños, aínda que agora veña xente de Rianxo e mesmo doutros concellos a través das escolas. Todo se fai de xeito conxunto, e facemos moitas comidas, que penso que é o que máis nos une, máis alá de obras e ensaios».
Folla de ruta
Sobre cales son os retos ou pasos a seguir que ten a compañía no seu futuro, Xesús Santos teno claro: «Gustaríame que se seguira na mesma liña, representando e impulsando a cultura a través do teatro e de identificarnos coas nosas raíces e os nosos antepasados. Debemos ser fieis á memoria galeguista e popular».
Porén, Santos recoñece que o reto non está exento de obstáculos: «Cando comezamos, todo o mundo falaba galego. Non era común na lectura, pero si na fala. Hoxe é ao revés. Fan falta grupos como Airiños, o teatro é necesario nos pobos, nas culturas que resisten en minoría».
Coincide nesta idea Amantia Coello, quen sinala que os plans de futuro son unha gran responsabilidade dende a dirección da compañía, destacando a importancia de cumprir obxectivos día a día: «O que podería ser a nosa meta é seguir sendo quen somos, continuar creando e gozando co público, facendo teatro en galego e entre todos por moitos anos máis».
Esther F. Carrodeguas: «Eu sempre digo que son unha airiña máis»
Aínda que Esther F. Carrodeguas xa non forme parte da agrupación, o certo é que a relación entre a dramaturga e Airiños non pode ser mellor. «Deixar a dirección de Airiños foi unha das decisións máis duras que tiven que tomar na miña vida, pero eu sempre digo que son unha airiña máis. Intento ir a recitais, dar a miña opinión, son unha metomentodo», afirma Carrodeguas. Neste senso, Xesús Santos sostén que a despedida de Carrodeguas foi dura, pero que segue formando parte da familia, e destaca o excelente traballo que fai agora Amantia Coello como directora.