Boroa, o novo grupo de Barbanza que reivindica a gaita máis alá dos clixés

Celia Riande García
celia riande RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Pablo Chouza

Suso Bello, Alberto Millán e Sabela Olivares presentan un proxecto que xoga co folclore

05 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O folclore galego está, en ocasións, unido a unha chea de tópicos e clixés que non fan máis que restarlle valor e desprestixiar unha importantísima parte do patrimonio. Cando se fala de música, esta situación non cambia. De feito, hai instrumentos, como a gaita, que continúan estando relacionados a certas ideas preconcibidas que non sempre están en sintonía coa realidade de hoxe en día.

Por iso, existen profesionais da música que buscan amosar o poder e a fermosura deses elementos tan característicos da cultura galega, como é o novo proxecto musical Boroa, que ten base en Barbanza.

«Hai expresións e faltadas varias que usan a palabra gaita, e ditos sobre os gaiteiros, que amosan que quizais non se lle tiña o respecto que este instrumento merece. Nós fuximos dos tópicos e queremos seguir amosando o valor que ten como medio para facer música». Así explica Suso Bello, guitarrista e compositor ribeirense, o proxecto Boroa, creado da man de Alberto Millán, baixo da agrupación, e de Sabela Olivares, cantante e responsable da pandeireta, do piano e da gaita.

Pouco a pouco

Aínda que agora vexa a luz, esta idea creouse moi pouco a pouco para converterse no que é hoxe en día: «Comezamos a darlle forma aproximadamente hai tres anos. É un proxecto que quixemos levar con calma, sen apuros. Nace da necesidade de crear algo novo e de mostrar a versatilidade da gaita, sacándoa do seu contexto e aplicando o instrumento ás funcións que pode ter hoxe en día».

Aínda que este sexa un dos grandes piares de Boroa, a mestura de distintos folclores é quizais o que máis caracteriza á banda, unha combinación que foi activamente procurada por parte dos membros do grupo: «Exploramos os folclores do mundo e os unimos dende o noso. Na melodía ou ritmicamente, todos teñen un punto de conexión. Pode haber diferenzas no acento, como pasa coa fala, pero están relacionados e podes xogar cos distintos estilos para formar algo interesante».

Con todo, a mestura non abarca só ás raíces musicais: «Temos a parte clásica grazas a Sabela Olivares, coa que fago a composición dos temas, xa que ten formación clásica, e xogamos con ritmos melódicos máis propios da musica clásica, con bases ao estilo vienés e a música popular, a do pobo, aínda que está composta de forma culta».

Precisamente o papel de Sabela Olivares é clave na música de Boroa, xa que é quen compón, xunto a Suso Bello, os temas que forman o seu primeiro proxecto, O clásico fol: «Quixemos que a protagonista absoluta fora a gaita e a composición xurdira a través dela. Construímos melodías e falamos de a que país queriamos que nos levaran, aínda que ás veces acabes indo por outros camiños á hora de harmonizalas. Deste xeito, ela creaba rítmicas e melódicas e eu dáballe o contexto do estilo musical».

Moita historia

Aínda que Boroa sexa un novo proxecto que tanto Suso Bello como Alberto Millán e Sabela Olivares collan con moita ilusión, esta non é a primeira experiencia musical deste estilo que comparten: «Viñemos de estar tocando durante vinte anos coa Compañía do Ruído, e Sabela entrou a tocar con nós no ano 2004. Dende aquela levamos colaborando moitos anos seguidos, pero coa chegada da pandemia o noso proxecto deixou de ser viable economicamente porque non podiamos actuar. Foi entón cando quixemos comezar Boroa, levalo con máis calma e darlle forma entre os tres».

En canto a como está sendo a saída ao público deste primeiro traballo da formación, O clásico fol, o certo é que Suso Bello admite que están gratamente sorprendidos pola boa resposta que recibiron do público en xeral: «A acollida está sendo moi boa. As críticas son positivas, chama a atención que esteamos facendo jazz coa gaita e que soen a Andalucía, a México, máis alá das nosas fronteiras. O certo é que está tendo bastante rebumbio e eu penso que é porque o proxecto é moi innovador, é diferente a todo o que se fixera ata o de agora neste campo».