Museo do Gravado, Barbantia e Picasso, un trío cultural con garantía de éxito

Ramón Ares Noal
MONCHO ARES RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

As instalacións ubicadas en artes acollerán, a ata fin de ano, outras dúas mostras do recoñecido pintor

03 abr 2023 . Actualizado a las 13:35 h.

Aínda que a exposición Gravados ao linóleo de Pablo Picasso leva semanas a disposición do público, non foi ata este venres cando se procedeu a darlle oficialidade, co director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, á fronte. Foi un acto no que se xuntou unha triloxía cultural de éxito: o Museo do Gravado de Artes, a Asociación Cultural Barbantia e Pablo Picasso, do que se conmemora o 50 aniversario da súa morte. O encontro corouse coa presentación do libro Unha historia da arte galega, polo seu autor, Carlos López Bernárdez.  

O numeroso público asistente, que encheu unha ala das salas de exposición abraiou tanto a Lorenzo, como a Pastor Rodríguez, director do museo; Manuel Ruiz, alcalde de Ribeira; e Javier Expósito, propietario dos linóleos de Picasso e da propia instalación, xa que algún lembrou que nun acto cultural de certa relevancia, o día anterior en Santiago, só había 15 persoas, fronte ás preto de cen que se deron cita en Artes.

Ademais dos protagonistas citados, houbo outro inesperado, Pastor Rodríguez, que horas antes sufrira unha indisposición que o levou ao hospital, o que lle valeu para que se recoñecera insistentemente o traballo que desenvolve, que o propio Javier Expósito non esqueceu de citar atribuíndolle o mérito de que o Museo do Gravado estea converténdose nunha referencia cultural non só a nivel comarcal, senón tamén autonómico e incluso internacional, xa que colabora con entidades de todos os ámbitos á hora de ceder gravados, lembrando que, por exemplo, aportou unha obra do pintor malagueño á exposición Picasso, branco no recordo azul, a gran mostra sobre a pegada do creador en Galicia, que se pode ver no Museo de Bellas Artes de A Coruña.

Pastor Rodríguez lembrou que ata fin de ano, o museo acollerá outras dúas mostras sobre Pablo Picasso.

Valor incalculable

Tanto Expósito como Ruiz aproveitaron para poñer en contexto, unha vez máis, que o Museo do Gravado de Artes ten un valor e una importancia sen parangón a nivel internacional, tanto no que se refire ás obras pictóricas como no de biblioteca gráfica, que se pode considerar única, polo que convidaron a visitar a sala e desfrutar das creacións.

Despois de que María Xesús Blanco, presidenta de Barbantia, fixera un repaso pola obra de Carlos López Bernárdez, este centrouse no seu novo libro, Unha historia da arte galega, primeiro explicando o título, que empeza con «unha» porque é a súa, e respecta todas aquelas outras que existan, e que se pode considerar unha actualización e ampliación de Breve historia da arte galega que publicou no 2005. López Bernárdez ten, así mesmo, unha estreita colaboración co Museo do Gravado de Artes.