O axente disruptivo

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

Gran Hermano

30 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Creo que estaba eu facendo un primeiro curso de doutoramento cando comezou Gran hermano. Aquilo dera moito que falar, e aínda non había redes sociais. É curioso cando miras para atrás, a un pasado non tan distante, e ves que a pota, chea de cousas que hoxe son habituais, estaba xa fervendo. A finais dos anos 90 ou principios dos 2000 xa estaba aí todo ou case todo o que hoxe vemos, pero só nos imaxinabamos parte do que ía suceder.

Por exemplo, agora penso naqueles debates sobre a intimidade no concurso nos que todo o mundo opinaba. E lembro a Mercedes Milá dándolle un verniz de «culturetismo», explicando que Gran hermano era tamén «experimento sociolóxico» ao consistir en que millóns de persoas observaban a un pequeno grupo de humanos coma quen atende a ratos de laboratorio.

Río ao pensar que hoxe case é ao inverso: son millóns de persoas as que contan en detalle as súas vidas cotiás a pequenos grupos sen máis interese. Nin podiamos sospeitar tal cousa.

Iso faime pensar que será o que lembremos do pasado cando miremos para atrás dentro de vinte anos. Que recoñeceremos que comezaba? Que nos sorprenderá pola nosa inxenuidade actual?. Tratarase da intelixencia artificial? Dun mundo no que o transporte de mercadorías por dron sexa tan normal como hoxe por coche?

En realidade, a tecnoloxía ou o proceso social máis disruptivo sempre está moi agachado e moi visible ao tempo, está aquí pero non intuímos a súa capacidade de cambio. Ao fin e ao cabo, iso tamén nos pasa co resto das nosas vidas.