Análise e tradución de altura da man de Barbantia para un dos maiores clásicos da poesía romana
BARBANZA
María Magarita Fernández Gómez presentou en Ribeira a súa adaptación ao galego de «Sátiras» de Horacio
26 mar 2023 . Actualizado a las 19:14 h.No marco do centro cultural Lustres Rivas de Ribeira compareceu María Magarita Fernández Gómez, a artífice da tradución ao galego de Sátiras, de Horacio, un dos maiores clásicos da poesía romana. Esta cita tivo lugar a raíz do acto mensual da Asociación Cultural Barbantia, no que ademais presentouse o número 183 do suplemento A Voz de Barbantia.
O acto, que rexistrou un cheo absoluto, abriuno a presidenta de Barbantia, María Xesús Blanco, que puxo en valor a colaboración da tradutora coa asociación, para a que realizou a versión de Sátiras de Persio.
A continuación tomou a palabra Raúl Gómez Pato, poeta, tradutor e director de Vétera —colección da editorial Rinoceronte dedicada a edición de clásicos—, que destacou a relevancia destes esforzos por dotar a lingua galega de versións fiables dos grandes autores. Explicou que sen esas traducións unha lingua non acada unha situación normalizada, ademais de felicitar a Fernández Gómez pola súa labor poñendo en galego a Horacio, tal e como fixera con Ovidio e Persio.
Tras isto foi a quenda de María Margarita Fernández Gómez, doutora en Filoloxía Clásica, natural de Palmeira e profesora no IES Espiñeira de Boiro, que destacou as peculiaridades do xénero da sátira.
O legado de Horacio
Neste senso, a tradutora explicou aos presentes a importancia de Horacio na literatura, sinalando que a sátira é o xénero literario romano por excelencia, pois non procede de Grecia, xa que se trata do legado de Roma en exclusiva. Destacou ademais que Horacio é un poeta lírico, mais non no sentido contemporáneo de subxectividade, senón no significado latino da poesía para ser cantada nunha estrutura formal de gran perfección.
Para pechar o acto tomou a palabra a concelleira de Cultura e tenente de alcalde de Ribeira, María Sampedro, que puxo en valor o labor de Barbantia e da editorial Rinoceronte. Por último, felicitou á tradutora e agradeceu a asistencia do numeroso público que estivo presente no centro cultural Lustres Rivas para arroupar a Margarita Fernández Gómez na presentación da súa elaborada versión de Sátiras de Horacio.