Bendita contradición

BARBANZA

16 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A

ndo estes días revisando a hemeroteca da primeira transición e dos primeiros anos 80 en Galicia e moito me pasma unha cousa. Escritores ou intelectuais que daquela xa tiñan idade para colaborar con artigos ou para contestar entrevistas opinan hoxe en día exactamente o mesmo que en 1983 en case todo. Na lexitimidade ou non da autonomía, na estrutura social da nosa sociedade, a relación entre o campo e a cidade, sobre como facer que se fale máis galego ou do estado do patrimonio cultural. Corenta anos de goberno de noso, dúas xeracións laborais, publicacións, discos e filmes, movementos sociais, non valeron nin para mover un centímetro estas opinións fortes. Claro que máis alá do identitario pode que tamén sigan opinando o mesmo sobre todo.

Teño un coñecido que leva repetindo, desde que teño uso de razón, a seguinte expresión: «E logo din que hai crise!». Pasou este home por crises e bums de todo tipo nestes corenta anos, pero na súa cabeza todo quedou na do petróleo de 1979.

Recoñezo que se vive mellor deixando que o mundo xire mentres nós estamos quietos no mesmo lugar, gardando as esencias, considerando que o resto son traidores ou febles mentres negamos a maior por sistema. Neses casos eu apelo á responsabilidade. Se pensamos que falar en público sobre a nosa vida colectiva é algo máis que un entretemento de tarde para funcionarios, deberamos facer o esforzo de sentir o latexo do noso tempo, ler e escoitar aínda que nos custe entender.

E se iso nos contradí, pois case mellor.