Sica Romero, autora carnotá: «Decidín plasmar a fala da costa porque meus avós avergoñábanse dela»

Celia Riande García
celia riande RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Cedida

A escritora de tan só 27 anos é creadora da exitosa novela «Avelaíñas eléctricas», da editorial Néspera

01 mar 2023 . Actualizado a las 08:26 h.

Hai veces nas que a lingua forma parte da identidade. A fala das nais, das avoas, queda nun recuncho da nosa memoria, ás veces oculta e outras celebrada, porque acompaña dende o ventre materno.

No caso de Sica Romero, o proceso de escritura, edición e publicación do seu primeiro libro foi tamén unha viaxe pola fala ata a aceptación das súas raíces lingüísticas.

O froito é a obra Avelaíñas eléctricas, unha novela que Sica Romero comezaría a escribir ao marchar a León a traballar nun museo. Porén, este non sería o primeiro intento da autora por construír unha historia, senón que os seus comezos situaríanse no instituto: «Cando empecei con esta, conectaba especialmente coas personaxes, e por iso me propuxen tirar con ela para adiante, aínda que me levara tempo ou fora complicado. Non é a miña primeira historia, pero si a única que conseguiu ter un final».

Así empezaría a crearse o soño de Sica Romero, profundamente marcada polas súas influencias literarias: «Lin un libro, penso que de Paul Austen, que empregaba moito a segunda persoa, e deume por probar ese xeito de escribir. A idea era moi fluída e foi mudando coa experimentación, ata que lle mandei o manuscrito a dúas editoras. Unha rexeitouno, pero outra si estaba interesada, aínda que finalmente acabaría publicándoo con Néspera, un proxecto editorial que estaba xurdindo».

En canto á acollida de Avelaíñas eléctricas, o certo é que a carnotá admite que non agardaba que fora tan ben: «A verdade é que avanzou todo de xeito moi pouco forzado. O curioso é que penso que, neste caso, está funcionando moito mellor o boca a boca que as redes sociais. Moita xente que me fala da novela é porque alguén lla recomendou, e creo que resultou moi efectiva esa maneira orgánica de vendela».

Publicación da obra

Sobre ver por fin a súa obra en físico, Sica Romero admite que foi unha sensación moi intensa por «non poder integrar todo na cabeza», aínda que recoñece que foron seus familiares os que máis celebraron esta publicación: «Miña nai emocionouse moitísimo ao vela porque non esperaba facelo tan cedo. Para min tamén foi moi forte, porque o resultado final preocupábame moitísimo e a obra tiña partes moi visuais, era un traballo de colaboración moi intenso na editorial e ver que todo saíra ben foi moi satisfactorio».

Malia que o libro comezou estando concibido en castelán, o certo é que non pasou demasiado tempo ata que Sica Romero decidiu reescribilo, que non traducilo, á súa fala materna: «Era unha cuestión de inseguridade, porque eu adoitaba ler en español aínda que me expresase en galego. Decidín volver facelo e vin que quedaba todo máis natural, menos elevado, por dicilo dalgunha maneira».

Trazos dialectais

Á hora de transformar a súa obra ao galego, o certo é que Avelaíñas eléctricas pasou por diversas fases ata chegar á súa edición final: «No proceso de tradución mudaron moitas cousas e elimináronse outras tantas. Despois, xurdiu o de introducir trazos dialectais, porque estaba a contradición da oralidade nas conversas en xeito directo, plasmando a fala da xeración zeta, coa existencia de personaxes da costa que falaban dun xeito completamente normativo. Non tiña demasiado sentido».

Na decisión de plasmar estas características tan concretas da lingua, o certo é que a orixe de Sica Romero tivo moito que ver: «A obra está profundamente marcada pola miña terra. Decidín plasmar a fala da costa porque meus avós avergoñábanse dela. Ao final, son formas do mesmo idioma, e é importante que sobrevivan todas, así que quixen que unha das personaxes se expresara dese xeito tan característico».

Agora, malia que Sica Romero non viva en Carnota, o certo é que recoñece que as súas raíces seguirán a deixar unha fonda pegada en todo o que lle depare o futuro: «Gustaríame traballar nunha editorial, porque é do que máis me chama, pero estou aberta a case todo».